domingo. 15.09.2019 |
El tiempo
domingo. 15.09.2019
El tiempo

Apatía / A cor do amor

▶ Diario de Pontevedra, en colaboración coa Fanpa e o Concello de Pontevedra, publica cada día dous dos relatos fi nalistas da VII edición do concurso literario

Apatía 

Mirei pola fiestra e atopeite a ti, co teu suadoiro de sempre e con ese sorriso permanente. Falabas cunha moza, nunca na miña vida vira aquela rapaza, falabades agarimosamente coma se fósedes moi bos amigos ou quizais algo máis. Chameite mais non me collías. Escribinte unha mensaxe, mais non me respondías. En apenas unha semana esquecéraste de min. Fun mirar as historias do Instagram, e alí estaba ela; semellaba que pasarades unha boa tarde no cine. Mirei o seu perfil, era unha desas mozas que tiñan miles de seguidores e só se preocupaban por gañar máis e máis. Sentín rabia, celos, angustia, dor, agonía... O meu mundo comezaba a derrubarse e eu era a que ata unha semana atrás ía contigo ao cine, eu axudábache cos teus deberes, consolábate cando tiñas algún deses problemas un tanto estúpidos... Mais agora eu xa non existía para ti. Agora eu son coma un deses xoguetes novos de Nadal que ao comezar o colexio quedaría sempre esquecido no seu estante, esquecida como todos os nenos refuxiados de Siria, esquecida. De súpeto, mirei pola fiestra e xa non estabades, seguramente agora estariades indo á nosa xeadaría, na que tantas veces compartiramos un deses xeados de chocolate cunha bóla de amorodos. Pero os meus pensamentos interrómpense, pois alguén chama ao timbre.

LUNA RODRÍGUEZ LOJO

IES Alexandre Bóveda [Vigo]

A cor do amor

Cando ollaba para el, sempre miraba nos seus ollos unha estela de melancolía, a mesma melancolía que lle miraba nos ollos da súa nai, nos da súa avoa… Nunca souben por que estaban tan tristes. Sempre que estaba con eles tamén podía sentir unha profunda dor. Sempre estiven con esa incerteza ata que un día todo cambiou. Na súa ollada xa non se atopaba aquela melancolía, dor e tristeza, senón unha agradable e misteriosa mestura da mirada dunha persoa alegre e namorada. Durante dous ou tres meses non souben cal era a razón de tanta alegría naqueles ollos verdes. Notei que ollaba para min dunha forma especial, como se eu fose a máis bonita das xoias. Un día un pensamento pasoume coma un lóstrego pola cabeza. Aquela tarde el viñera a xogar á miña casa. Pasaramos toda a tarde rindo e xogando. Cando se fixo tarde e a súa nai foi a buscalo, el púxose un pouco triste. Olloume dende o coche cunha mirada que me recordou aquelas de cando nos coñecemos. Díxome adeus coa man dende o coche vermello da súa nai e desapareceu pola estrada. Cando xa me asegurei de que se fora marchei para dentro a cear, pois miña nai chamábame porque a cea xa estaba lista. Cando rematei marchei para o meu cuarto e quedei cavilando. Despois dun bo anaco souben a razón de aquelas olladas de namorado dirixidas para min. Aquela razón era eu. O meu mellor amigo estaba namorado de min. O meu pensamento foi certo, pois dúas semanas despois declaróuseme dunha forma inesperada. Regaloume vinte e catro flores, o número de meses que levaba namorado de min. Xa vai tempo que isto sucedeu, pois este ano facemos un ano de noivos. Agora, cada minuto de cada día, sempre me di un amoroso "quérote".

NOELIA ROSENDO ACUÑA

CPI O Toural [Vilaboa]

Apatía / A cor do amor
Comentarios