Opinión

A cor da túa imaxinación / Atrapado

Diario de Pontevedra, en colaboración coa Fanpa e o Concello de Pontevedra, publica cada día dous dos relatos finalistas da VII edición do concurso literario

A cor da túa imaxinación

Ola. Preséntome: eu son branca. Vaia…, minto, mal empezamos. Amarela, vermella, azul, rosa, verde... podo ser de todas as cores; a verdade, utilízanme máis dunha cor que doutra, pero tamén depende de para que me empreguen. No meu mundo non che somos nada racistas, é estupendo, somos de todas as cores, e se algún non tes, mellor aínda, toca mesturarse.

Os meus maiores inimigos son as persoas. Pártenme á metade e ás veces afíanme; iso dáme bastante alerxia, ese ruidiño a carón de min cerca da papeleira. O peor de todo é que cada vez me fago máis pequena; a min, non me vale esa escusa de irme pronto a durmir para medrar.

Despois de presentarme, seguro que xa me coñeces… Aínda que non debo ser tan negativa, porque... quedo moi contenta e orgullosa...: os nenos e as nenas divírtense cando me utilizan.

Atopar o xeito de medrar polas noites é o meu obxectivo; terei que investigar, iso sería estupendo. A miña vida sería máis longa, e os nenos e nenas desfrutarían moito máis tempo.

Pero, a verdade, teño que recoñecer que hai moitas cousas fermosas que duran moi pouco.

Síntome moi importante, e sabedes por que?

Aínda non o adiviñaches... Póñolle cor á túa imaxinación.

Así son eu.

Noa López Fermoso
CEP Plurilingüe de Frián-Teis [Vigo]


Atrapado

Espertei nun lugar raro que estaba húmido, escuro e frío. Non sabía que facía alí, nin o meu nome, algo tería que ver coa dor que sentía na cabeza.

O lugar era moi grande e na parte de abaixo había como unhas tiras verdes, e algunhas marrón clariño; toqueinas cun dedo e metino un pouco na boca. Sabía salgado, o mesmo salgado que notaba cando ía en verán á praia.

Semellaba que aquel túnel se movía con vida propia, ou polo menos iso me pareceu a min. Todo o chan daquela especie de cova tiña unha boa capa de auga, de tal xeito que chapuzaba ao andar. De cando en vez, escoitaba ao lonxe os sons de sereas dos barcos e, tamén de cando en vez, un ruído máis grave que, cando soaba, todo o lugar experimentaba un pequeno terremoto que me obrigaba a suxeitarme ao que tiña a man.

Tiña fame e non sabía que comer, así que empecei a comer o que atopaba, pero todo sabía mal. Era mellor que non comese nada que non soubese que era, para non enfermar. Na procura de comida encontrei un moneco de madeira pequeno co nariz extremadamente longo e tireino.

O chan, ademais de mollado, era brando, e púxenme a saltar a ver se pasaba algo. Descubrín que cada vez que saltaba se escoitaban os mesmos sons que algunhas veces facía aquel lugar cando retumbaba. Eran uns sons que parecían de dor.

Decateime de que un pouco máis adiante había un burato do tamaño da miña cabeza que collía a auga que había dentro e a expulsaba con forza cara ao exterior, a ese exterior que descoñecía.

Coido que xa sei onde estou. Empezo a lembrar cousas e entre elas o meu nome: "Xonás".

Mateo López Santiago
CEIP Sequelo [Marín]

Comentarios