sábado. 21.09.2019 |
El tiempo
sábado. 21.09.2019
El tiempo

Déixome levar / Carme / Semente

Déixome levar

O murmurio de fondo espertoume. Os ollos estaban pegañentos e non era quen de abrilos, e a cabeza pesábame tanto que me custaba erguela. Estaba deitada na praia. Así espertei sen saber como chegara ata alí. O romper das ondas contra as rochas serviume para espertar de todo. A area queimaba e o Sol, xa ben alto, dicíame que ou saía de alí canto antes ou afogaría.

Con tino fun quitando o salitre das pestanas e conseguín abrir os ollos. Doíame moito a cabeza e notaba un bo golpe na testa.

Quixen erguerme, mais non podía. O corpo pesábame, era como se estivese durmido, e as pernas non obedecían as miñas ordes.

Notaba preto a auga do mar, achegábase cada vez máis…, pero non tiña azos para fuxir dela. Cada onda subía con máis forza e, por fin, puiden moverme. Agora era doado porque comezaba a aboiar e sentinme moi liviá. O instinto dicíame que tiña que deixarme levar e, así, funme mergullando coma un peixe.

"Se non sei nadar!", pensei. Pero aquilo estaba xenial; era como se sempre vivise dentro do mar: aboiaba, somerxíame e ata conseguín, despois de varios intentos, dar un salto por riba da auga. Semellaba todo tan sinxelo. Só tiña que deixarme levar e non matinar en nada máis.

Entón, naquel momento, decateime do que pasaba. Dende logo, o golpe debera ser ben forte, pois non lembraba nada. E non podía crelo. Non tiña pernas, era unha serea!

A testa seguíame doendo, pero agora volver á casa sería máis doado.

-Pero se non existen. -Seguía cavilando a miña cabeza no medio daquel balbordo de luces e sereas mentres os bombeiros trataban de sacar as miñas pernas, atrancadas no medio dos ferros.

E deixeime ir.

Virginia Suárez Iglesias
IES Mestre Landín [Marín]


Carme

A noite pecha e a Lúa. As sombras que facían as luces dos farois, algún que outro ruído no ar e os ollos dun moucho, que subido nunha rama da árbore máis alta do parque, miraba a escena.

O sábado ás 2.50 h., o bar de sempre estaba a piques de pechar. A xente ía saíndo ao son de Fito y Fitipaldis para deixar baleiro o local. Dende a porta podíase ver o mar mentres fumabas o último cigarro da noite. Aquel día, as ondas xogaban coas gaivotas e competían para ver quen era a primeira en tocar o peirao. A música comercial dos últimos pubs abertos e unha longa rúa eran o que separaba o fogar quente do frío de aquela noite. Cinco minutos andando, mirar ao ceo e escoitar o mar, respirar a calma da noite, cantaruxar She used to be mine e sentir as mans dunha besta arrebatando o máis prezado: a vida.

A noite pecha e a Lúa. As sombras e o moucho presenciando aquela escena. She is broken and won’t ask for help, porque non tiña voz, non tiña alento, non tiña forzas para loitar, só lle quedaron as ás, que a fixeron libre para voar moi alto unha vez acabada a tortura.

María Torres Barreiro
CEIP Aurelio Marcelino Rei García [Cuntis]


Semente

Unía constelacións mentres agardaba ese amencer urxente que o levaría ao lugar onde lle arrebataran un anaco da súa infancia. Volver á aldea onde nacera Anxo era unha obriga, había moitas preguntas e poucas respostas.

Fitas de néboa adornaban os montes da contorna, a vella ponte reflectíase na auga do retorto río. As primeiras casas aínda en pé semellaban pantasmas agonizantes dun tempo que non foi mellor, non soportaron o paso implacable do tempo.

Detívose fronte aos restos da vella escola e veulle á memoria o mestre da súa infancia, don Félix, e a súa teima por plantar carballos arredor da escola. Sempre andaba recollendo landras levándoas consigo. Era moi excéntrico, pero poñía moita paixón en todo o que facía e, sobre todo, nos consellos que nos daba.

Aquel día de xuño chegaron sen avisar. Buscaban un xesto para arrincarnos unha maldade. Levárono con eles ao saír da escola, foron as derradeiras palabras que lle escoitei: "Que nos vos domine o medo, o voso medo é o seu alimento".

Era frecuente escoitar no luscofusco o resón dos disparos preto do cemiterio. Aquel día soaron a despedida.

Buscaba no cemiterio un sinal, o seu nome gravado nalgunha fría lapida, algunha tumba sen nome, nada. Percorreu o camiño por detrás do camposanto. Detívose ollando un pequeno carballo que xurdira ao carón do valado no medio dunhas rochas. Un refacho de vento pendurou as súas poulas. O tépedo Sol do serán reflectíase nas bágoas que deixou caer polas súas meixelas.

Faustino Ucha Alvariñas
CEIP Isidora Riesta [Poio]

Déixome levar / Carme / Semente
Comentarios