Opinión

Dentro dos límites da miña vida / A marca de ouro

Dentro dos límites da miña vida 

Ola, chámome Zanu e vivo, coma ti, entre catro paredes unidas por unha porta. Tras ela vexo moita xente, xente que fala, xente que pasa, que sorrí, que come... Algunha visítame coas súas enormes cestas. Normalmente veñen cada dous días, pero ás veces veñen todos os días, non me queixo. Case sempre teño que facer, pero fártome, porque é a mesma tarefa unha e outra vez. 

Non me movo moito da miña casa polas miñas limitacións, xa que só podo desprazarme un pouco cara aos lados. O bo é que son moi apreciada por facer o meu labor. 

Hai días en que non me apetece traballar, entón aproveito que estou sucia e fago mal a miña angueira. O que sucede despois é que gaño unha limpeza a fondo e a cara anoxada do meu xefe fronte a min.

As persoas que me acompañan sempre me abren a boca e métenme o que eu penso que é o meu alimento acompañado da bebida, que adoita ser un pouco forte, pero un acaba por se acostumar. Ao final sácame o que eu chamo alimento e lévano consigo, lonxe de min. 

O que está claro é que sempre lle estou dando voltas á cabeza, non para. Creo que son ben listo, ou... ou son unha lavadora?

PABLO GÓMEZ MUIÑOS

IES Illa San Simón  [Redondela]

A marca de ouro 

 Chamábana María Leña porque era filla do único carpinteiro da vila. A súa nai era panadeira e facía os mellores bolos de pan dos arredores.

A mociña era loira, a pel da cor do papel de fumar, os ollos verdes; había quen dicía que semellaba un anxo caído do ceo. Pero tiña unha peculiaridade que a facía diferente das demais mozas que se poden atopar en calquera vila; debaixo do ollo esquerdo tiña unha marca de ouro. 

A marca era do tamaño dunha moeda, mais era dourada coma os raios do Sol ou o trigo rematado de apañar. Algunhas veciñas da rapaza crían que a marca tiña propiedades milagrosas e que a quen a tocaba pasábanlle cousas máxicas. 

Un día de primavera, xa pasada a Semana Santa, chegou á vila un home vello montado nun cabalo branco e ben mantido. O home de quen vos estou a falar seica era un rei deses que viven en castelos e loitan con espadas. Petou na porta do carpinteiro e da súa muller e díxolles que precisaba ver decontado a María. E alá foi o pai a buscala. 

Cando chegou perante o rei, este botouse a chorar coma un cativo e, bicándolle os pés, díxolle que era o seu pai e que a viña buscar para levala ao seu castelo. Contan por aí que o carpinteiro e a muller quedaron abraiados e pensaron que o rei cometera un erro, pero non llo dixeron porque querían unha vida mellor para a súa filla.

Todos os veciños viron como a mociña marchaba montada nun cabalo e acompañada daquel vello sen nome, pero nunca souberon nada máis dela.

Hai quen di que alá, preto de Lalín, se pode atopar a estatua dunha muller toda feita de ouro e que a quen a toca pásanlle cousas máxicas.

MARTA MUÍÑOS GARGAMALA

IES Mendiño  [Redondela]

Comentarios