Opinión

Disparo / Canto dura un instante

Diario de Pontevedra, en colaboración coa Fanpa e o Concello de Pontevedra, publica cada día dous dos relatos finalistas da VII edición do concurso literario
 

Disparo

Ela representaba a viva expresión da incerteza. Unha escolma de sensacións mesturándose a lume de carozo nun cerebro confuso. A faciana palidecéralle de súpeto ao decatarse de que sería o único branco da diana. Nunca pensara en chegar a aquel lugar do que tanto escoitara falar. Posuía o medo inoculado nunhas pupilas que circundaban con graza os seus senlleiros ollos castaños. Era a mostra de que acabara de comprender que xa non había volta atrás.

Custáballe moito que non lle tremelicasen as pernas. Non era quen de disimular semellante nerviosismo. Unha gota de suor escorregáballe dende o bico da fronte ata esvararlle, con insolencia, pola fazula esquerda. Quizais iso podería distraer aquel home de mostacho refinado e ollos grandeiros que tiña ao carón. O tipo tiña sona de apuntar ben. O seu obxectivo era un dos máis cobizados de cantos había na contorna.

Non quedaba demasiada marxe para o erro. O trebón xa encomezaba a sentirse. Unhas nubes escuras levaban tempo cubrindo o ceo, que mudara en cincento. Semellaban en consonancia co incesante latexar do corazón da moza. Todo estaba listo para o disparo. Se cadra precisábase máis dun para rematar co asunto, pero, ás veces, cun único disparo, resultaba máis que sufi ciente.

O tipo chiscou o ollo esquerdo e estendeu o dereito para afi nar a puntería. Preparou o dedo polgar e o furabolos para acadar a darlle remate á manobra que tiña entre as mans. Accionou o disparo ao tempo que o silencio asolagaba o sorriso do home ata convertelo nun aceno xélido. Ela ficaba inmóbil sobre unha vella peza de madeira desgastada a propósito. O fotógrafo dixo que podía mudar de postura para tirar a seguinte foto do repertorio. Ela, por fin, ripou o medo das costas. A súa primeira experiencia coma modelo fotográfica encomezara ao xeito.

PABLO NOGUEIRA CAMPO

Finalista destacado na categoría de Adultos CRA da Picaraña (Ponteareas)​


Canto dura un instante

Coñecéranse grazas a un tropezo. Un tropezo literal, dos que fan que un se sinta parvo primeiro e que o levan a maldicir o chan a dúas alturas despois. Unha torpeza, porén, oportuna, que fixo que ela se achegase para axudalo a levantarse e o invitase a sentar xunto a ela. Terminada a presentación do libro, continuaron falando, percorreron recunchos da vila, lugares de cadansúa memoria e teceron, devagar, unha desas longas conversas que a miúdo brotan cando un bo libro e dous fieis lectores se xuntan. Decidiron quedar ao día seguinte no mesmo sitio onde se despediran. Unha terraza tranquila e o mar calmo de fondo sempre invitan a conversar, pensou el. Tras eles, a illa de Tambo recortábase no horizonte acariciando o Sol do serán. El notábase nervioso, mais ela, as mans entrelazadas sobre a mesa, facía sitio á serenidade en cada pestanexo. Durante un intre, sentiuse paralizado polo verdor daqueles ollos, coma se a propia Medusa, aquel monstro da mitoloxía grega que convertía en pedra aqueles que a miraban fixamente, estivese ante el. Nunca uns ollos o escoitaran tanto e o xulgaran tan pouco. A inquedanza inicial foise esvaecendo e, logo duns minutos, os dous parecían gozar daquel momento, coma se ansiasen as palabras que aínda non foran pronunciadas, coma se quixesen facer daquela a súa propia historia interminable. En pleno luscofusco, chegou o instante, ese que agora el recorda tantos anos despois, co mesmo libro entre as mans, coa mesma illa de fondo. Ata o faro de Tenlo parece sorrir, cómplice, ao recordar canda el aquel instante da conversa. Aquel momento no que ambos fi caron en silencio e el notou como aquel ollar verdoso cambiaba de intensidade, pousándose directo nel e facéndolle sentirse, por primeira vez e por sempre, alguén especial.

MARTIÑO RIERA RODRÍGUEZ

Finalista destacado na categoría de Adultos CEIP Plurilingüe de Chancelas (Poio)​