Opinión

Eclipse lunar no teatro / Volve pronto

▶  Diario de Pontevedra, en colaboración coa Fanpa e o Concello de Pontevedra, publica cada día dous dos relatos finalistas da VII edición do concurso literario
 

Eclipse lunar no teatro

Ai, corazón, deixa de intentar fuxir a través do meu peito! O teu latexo é moi forte, dóeme levalo dentro. Pobre o meu corpo magro, tremelica, pola túa culpa! Non quero saber o que pensas, estou facendo o correcto, o correcto! Miña nai, ven salvarme! A cor dos meus zapatos derrétese, creando un borrón escuro; si, escuro! Derramándose pola madeira vernizada. Son eu e non, nin sequera me recoñezo. Lúa, non me sigas, non ves que che teño medo! Busca outro neno que suplique pola túa presenza, eu non te quero! Dis que es valente, entón, por que te agochas? Marcha, desaparece, que non te encontre! Que alguén cale este acordeón maltratado, acaso non vedes? Estame afogando! Quero volver á casa, irmáns, onde ides? Estou perdido, demasiados ollos verdes. Que vai ser de min, pai! Non creo que veñas verme. Balbucen as aves cegas, todas tocando o piano, marabilloso! Agora son eu o que me derreto, melodías entre gaivotas e bubelas. Avoa, quero berrar, pero non podo; sácame de aquí, pero como fi llo digno! As luces distráente, pequeno corazón, podo sentir como cesas. Chegou o teu momento, dime o que pensas. Fala por min, saúda.

Comeza a función: parellas de paxaros durmidos, pantasmas mirando polas fi estras.

Adiante, Xulio César!

LEIRE GIL JUSTO

[Finalista destacada na categoría de Secundaria] CPI O Toural [Viaboa]

Volve pronto

Xa van varios días dende que partiches da vila e a túa ausencia séntese por cada un dos recunchos desta xélida e solitaria montaña. Incluso dona Emilia saíu ao balcón varias veces para ver se te atopaba por casualidade. Que muller! Aínda pensa que podes volver en calquera momento, encántame a súa inxenuidade infantil disfrazada dunha imaxe envellecida. Eu xa aceptei a túa ida aínda que pase moito frío algunhas noites, desexando con moita forza que estiveses aquí. Os nenos da vila bótante tanto de menos que nin te imaxinas; ás veces, están tan magoados que non queren nin ir ao colexio polas mañás. Para cada un é duro dalgunha forma. Paquiño xa non vai ao bar nunca, ao non terte por alí prefi re encerrarse na súa casa e pór a tele ata que dan as doce e é hora de ir durmir, volveuse aínda máis sedentario do que o era. A miña prima Rosario só sae da casa para ir comprar algo de leite e non lle dirixe a palabra a ninguén, encérrase na súa cabeza e no seu abrigo groso, e non hai quen a saque de aí. Eu compréndoa bastante ben e non a culpo por comportarse así, pois son cambios drásticos. A verdade é que ti eras a luz de todos e todas nós, e fuxiches tan rápido coma unha bágoa que recorre a miña face. Terei que facerlle caso a dona Emilia e ser paciente na túa espera, ao fin e ao cabo teremos que esperar a que pase este xeado inverno e a chuviosa primavera para que volvas ás nosas vidas, co teu sol e o teu fulgor.

NOELIA GONZÁLEZ LOURENÇO

[Finalista destacada na categoría de Secundaria] IES Pedras Rubias [Salceda de Caselas]

Comentarios