Opinión

Eu, ti, el, ela... / Brown

Eu, ti, el, ela...

Eu son un río caprichoso que baixa dende a máis alta montaña, discorre por entre as pedras, moldeándoas: son un artista da natureza.

Ti es o mar, inmenso, profundo, que baña todas as costas da Terra. Ás veces es pacífi co e outras enfuréceste e deixas saír fortes treboadas. 

El é un lago, nunca quixo medrar máis, preferiu illarse das outras augas.  A el gústalle estar tranquilo, quedo, entre a herba, vendo pasar a vida. 

Ela é libre, voa sobre nós, gústalle viaxar, soñar, brincar… Hoxe está en Asia e mañá na selva africana. Ela é a chuvia. 

Eu, ti, el, ela teñen unha mesma orixe, pero cada un elixe camiños diferentes. 

Ao igual que o río, o mar, o lago e a chuvia, as persoas tamén temos unha orixe común, pero cada un vive a súa vida de diferente maneira, sempre respectando os demais, vivindo e deixando vivir en liberdade e harmonía. Por iso non importan as "irregularidades" que poida ter un cego, o xeito de camiñar dunha persoa coxa ou a cor da pel de alguén doutro país. A nosa orixe e o noso final é o mesmo, só cambia o percorrido, e é así, na tolerancia, no respecto e na diversidade, onde atoparemos o camiño para chegar á paz e á felicidade. 

Cristina Ling Costa Diz 

CEP Plurilingüe Xesús Ferro Couselo  [Valga] 

Brown

Non hai quen se revolva neste lugar tan diminuto. Somos moitos. Algúns, os máis veteranos, levan anos metidos aquí, dentro deste noxento cortello. Xa estamos acostumados a ter que estar todos amoreados, batendo os nosos fociños cos demais compañeiros. Mover unha pata sen tropezar con alguén é un logro. 

Cada noite que pasa para min é un inferno. Non hai luces e o medo invade o meu corpo. Recordo cando aínda tiña un colar ao pescozo, que puña "Brown". Daquela era feliz.

Mais agora abúrrome moito. O reloxo marca as dúas da mañá e xa ninguén pasa por diante do cortello. 

E, de súpeto, o ceo énchese de moitas cores aínda que non podo diferencialas ben porque as pólas duns carballos tapan a arte que debuxan os fogos de artifi cio. 

Vai moita calor, típica das noites de xullo. A brisa do mar refresca, pero non consegue levar con ela o enxurro que teño enriba. Que mágoa! Eu quero estar atractivo para que algún cativo me elixa como premio. Estou cansado de estar colgado no mesmo estante tras o paso dos días, dos meses, dos anos… Ninguén se fi xa en min! Parece que un cativo se acerca ao posto.

Despois de conseguir rebentar uns cantos globos, a señora déixalle elixir un premio.

–Artai, elixe un peluchiño. Veña, que o acabas de conseguir!

–Um... Eu quero ese canciño de manchas que ten pinta de querer un amigo. 

Artai Costas Fragueiro

CEIP Fontes-Baíña  [Baiona]

Comentarios