martes. 17.09.2019 |
El tiempo
martes. 17.09.2019
El tiempo

Océano de papel / Palabras

Océano de papel

CUMPRIRA HAI pouco os oitenta anos. Era un dos mellores mariñeiros da zona. O mar era o seu fogar. Vivía no vello faro, que levaba anos sen utilizarse. Ninguén pasaba por alí. A tranquilidade reinaba na súa pequena guarida. A súa guarida, porque o seu fogar estaba no mar. Coñecera o seu amor nunha vella festa de aldea que xa había anos que non se celebraba. Con ela, tivo dous fillos, polo menos é o que el recorda. Os dous marcharon coa morte da súa nai.

Estaba só. El, o mar e unha morea de recordos que quedarían esquecidos. Dixéronlle que tiña alzhéimer. Dende a noticia, non se movera da cama. Non se levantou nin para ollar o mar. Non quería mirar pola fiestra e non recoñecer o que vía. Dun día para outro comezou a escribir follas cheas de lembranzas. O seu pequeno refuxio converteuse nun cuarto cheo de papeis ciscados polo chan. Ao tempo que ía escribindo esquecíase dos seus recordos, pero os papeis axudábanlle a lembrar quen era. Só recordaba a súa vida no mar, non se acordaba dos fillos, non sabía que tiña netos.

Os días foron pasando e foi perdendo mobilidade, xa case non podía camiñar. Pero a forza de vontade obrigouse a ir xunto a fiestra. Alí contemplaba, coma un neno, o mar furioso que había ese día de xaneiro. Foi así, sen planificación ningunha, que morreu ollando o mar.

Hoxe é o seu funeral, pero non vou ir. Estou aquí, na súa guarida. Sei o que lle gustaría que fixese por el. Collín a morea de papeis amontoados do seu escritorio e boteinos ao mar para que todos os seus recordos marcharse con el.

Sáeme un pequeno murmurio entre bágoas: "Botareite de menos, avó".

Nuria Costas Misa
IES Primeiro de Marzo [Baiona]


Palabras

AS PALABRAS voan. Paxaros nómades que contan historias. Historias que percorren os ceos, os nosos ceos, na procura de vivencias, de máis aventuras que contar as estrelas. As estrelas escoitan, millóns delas que fican en silencio, escoitando os relatos que contan os paxaros nómades. Paxaros que son palabras.

óra da miña utopía, a xente di que as palabras son só palabras, que serven para falar e escribir, nada máis.

Porén, talvez eles non escoitaron a chamada dos paxaros nómades, eses que transforman as palabras en algo máis: emocións, sentimentos, historias...

Os paxaros nómades que as estrelas e mais eu escoitamos polas noites dende a fiestra do meu cuarto, mirando o ceo escuro. É entón cando as súas gorxas comezan a cantar; primeiro baixiño, case imposíbel de escoitar, mais enseguida convértese nunha banda sonora de múltiples melodías: hainas tristes e melancólicas, épicas e valentes, tranquilas, misteriosas, namoradas...

Unha para cada historia. Unha para cada momento. Unha para cada palabra.

Cando chegamos á escola e nos piden escribir unha historia, os nenos e nenas usan as palabras coma as describen: para falar e escribir.

Eu busco. Miro pola ventá e busco as estrelas, estas están a escoitar as historias dos paxaros, coma sempre; escoito eu tamén e busco os paxaros.

As palabras.

Seica é entón cando comezo a escribir.

Ao rematar, a profesora pregunta:

–Utilizastes ben as palabras?

–Pero se son só palabras! –responde un neno.

Porén, son só palabras?

Paula Diz Parrondo
IES Frei Martín Sarmiento [Pontevedra]

Océano de papel / Palabras
Comentarios