Opinión

Os mellores amigos / O trasno dos cañotos

OS MELLORES AMIGOS

Cando me compraron, puxéronme na lámpada máis bonita que vin (é a única que vin na miña vida). Era preciosa, estaba moi ben colocada onde alumeaba toda a habitación, pero sen bombilla. Colocáronme no sitio da bombilla, estiven alumeando a habitación. Ao principio dábame vergoña preguntarlle como se chamaba a lámpada, pero cando pasaron máis ou menos dúas semanas fun valente e pregunteille.

–Como te chamas?

–Laura.

–Eu chámome Martín.

–Que nome máis bonito!

–Moitísimas grazas –dixen eu.

Moitos días divertiámonos xogando ás escondidas, á pilla... Era aburrido porque non nos podiamos mover porque somos seres inertes, pero díxome os segredos das lámpadas. Un era que sempre levaba un paquete de cartas da baralla, e xa non nos aburriamos tanto como antes. Moitas veces, como non sabía xogar ás cartas, gañábame ela, despois xa non tanto.

Outro segredo das lámpadas era nacer sabendo todo o que ían saber no resto das súas vidas. Seguiu contándome segredos das lámpadas todo o día. A min parecíanme moi interesantes, eu escoitaba moito pero non falaba nada. Pasados os anos, funme gastando ata que me fundín de todo. Acabáronme quitando, tiráronme ao lixo. No lixo fixen miles de amigos. Ao cabo dos anos as lámpadas empezaron a usar luces led, cando me din conta diso, din un salto da alegría, pero pensei: "E se non me recoñece? E se se esqueceu de min?" Os meus amigos dixéronme: "Tranquilo, Martín, vaise acordar de ti". Cando a tiraron ao lixo fun onda ela e pregunteille se me recoñecía. Ela díxome: "Pois claro que si, Martín. Como non te vou recoñecer se es o meu mellor amigo de toda a vida?".

E esta foi a vida dunha bombilla.

Iker Gondar Poceiro

CPI do Toural, Vilaboa

O TRASNO DOS CAÑOTOS

Ola! Eu son Felipe, pero todos me coñecen como O Trasno dos Cañotos.

Vivo nesta fraga hai pouco tempo. Onte mesmo eu era feliz nun monte cheo de carballos, ríos e musgo cando pola mañá espertei cun estraño ruído de máquinas e tractores que empezaron a arrasar todas as árbores. Indignado, saín do meu cañoto e berreilles moi forte. Aquela xente quedou abraiada comigo, pero non dixeron nada. Nada diso! Só quedaron cunha cara que non parecía deste mundo, non entenderon o meu enfado, e, cando vin que pretendían seguir con aquel traballo…, enchinme de rabia e papei as motoserras e mais as rodas dos tractores! 

Nunca viran tal cousa! E, aínda que primeiro intentaron darme unhas labazadas, por esta vez puiden fuxir a tempo da fraga; pero, ao mesmo tempo, vin como empezaban a chegar máis e máis máquinas, e a cousa íaseme das mans. Entón tiven que recorrer a todos os meus amigos e veciños da fraga  onde vivía (éranche ben poucos) para a miña saborosa vinganza. 

En canto os chamei, deseguida acudiron, seica eles tamén estaban moi indignados polo descaro daquelas persoas; e trazamos un plan.

Decidimos que hoxe mesmo deixariamos que actuasen ata que se meta o Sol e, cando marchen, seguirémolos ata as súas casas. E, alí, esta noite mentres dormen empezaremos a rillarlles nos ladrillos.

Ollo por ollo, dente por dente. 

Estela González Fernández

CEIP Plurilingüe de Riomaior, Vilaboa