Opinión

París / Viaxe á praia

París

Alí estaba El, a carón da lareira coa mantiña de cadros, coma se o tempo se detivese naquel París do sesenta e tres. Cada vez que unha verba saía dos seus beizos, unha bágoa acompañábaa. «Foron tempos moi duros. A vida do emigrante nunca é fácil», borboriñaba coa voz entrecortada, quizais pola emoción dos recordos, quizais pola escaseza de folgos.

Eran os derradeiros días. Sabíao. Sabiámolo.

París, a cidade da luz, fora moito máis ca iso. Cando El chegou alí, levaba unha maleta chea de ilusión e baleira de roupa. Dúas semanas andou coa camisa de cadros e o pantalón da misa. Dúas semanas, ata que o capataz lle entregou a primeira "quincena". A emoción foi tan intensa e á vez tan diferente á que o invade agora ao recordalo. Aquela primeira paga semellou mesmo o milagre do pan e dos peixes; pagou a renda da barraca, fixo a compra semanal, mercou un pantalón e unha camisa e aínda alcanzou para enviarlle algo a Ela e aos tres cativiños que aquí deixara.

As semanas eran longas e o traballo na obra, esgotador, pero estaba alí, en París. O domingo, día de folga, era o momento de mesturarse entre a xente, no metro, nas maxestosas avenidas… "Non o está a facer mal, o tal De Gaulle –pensaba el–, pero eu volverei á miña Galiza". 

83 anos poden dar para moito; para ir, para volver, para lembrar... Alí, a carón da lareira coa mantiña de cadros, con París na súa mente e Galiza no corazón, unha nova viaxe comezou.

CARLA SANDRINA CERQUEIRA OLIVEIRA
CEIP Antonio Blanco Rodríguez [Covelo]

Viaxe á praia

Quería volver á praia. Estivera tan só nunha ocasión. Sen dúbida, o mellor día da miña vida.

Mamá prometeume volver, pero agora di que vai frío. Que máis ten! Para mollar os pés calquera momento é bo.

Sei que mamá traballa case todos os días e que non lle gusta conducir.

Tamén sei que evita o mar desde que papá marchou no barco co patrón e non regresou. Mamá di que me estou volvendo caprichosa e que canto máis insista peor. Mais non podo deixar de pensar na praia, nas ondas... Coma ese día que sentei na area e alí quedei mentres as olas rompían aos meus pés. Logo, seguín un cangrexo polas rochas. O mar levouno, a min deixoume...

Pensando nisto adormecín e soñei que bailaba coas ondas esa canción que, ás veces, bailaba con mamá no salón: "Bate que bate... maionesa". Os pequenos peixes facían sons de trompeta mentres eu saltaba entre as rochas cos cangrexos e caramuxos. No soño tamén escarvei un túnel coas miñas pequenas manciñas e na area atopei un verdadeiro tesouro: unha gran cuncha rosada. Gardeina no peto e pensei facer un colgante para mamá mentres seguía bailando coas estrelas que brillaban máis que calquera outra noite.

De súpeto, caín coa boca aberta na auga. Tusín e espertei na miña cama, cuberta coas dúas mantas coas que mamá me tapa cada noite. Abrín os ollos. O soño fora tan real que era como se estivese verdadeiramente na praia, bailando, saltando... Ata sentía o sabor do salitre.

Deiteime de novo sabendo que non sería quen de durmir. Estaba tan excitada! Ademais, sentía unha molestia á altura das costas. Era algo que tiña no peto do pixama. Acheguei a man e quedei sen palabras: alí estaba... a cuncha rosada!

BEATRIZ COIRA RÍOS CEP
Santa Mariña [Redondela]

Comentarios