jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

Pasos para escribir un libro aburrido / O Panda

▶ Diario de Pontevedra, en colaboración coa Fanpa e o Concello de Pontevedra, publica cada día dous dos relatos fi nalistas da VII edición do concurso literario

Pasos para escribir un libro aburrido 

1. O primeiro que tes que ter claro é que debes facer todo o contrario a elaborar unha historia agradable de ler. Unha trama pouco clara, nada concreta..., e o lector perderá o interese, non entenderá ben o que se conta e non se sentirá identificado con ningún personaxe.

2. Emprega palabras moi longas e complicadas (se é infantil) ou, pola contra, extremadamente curtas e sinxelas (para os adultos). En resumo: fai as cousas sempre ao revés da lóxica.

3. Fai moitos, moitos incisos; analepses sen parar. Perderase totalmente o pouco sentido que tiña xa a túa historia, facéndoa imposible de ler, podendo perderte no relato facilmente.

4. Crea moitos personaxes. Tantos que nin ti mesmo poidas lembralos. E descricións moi longas. Con isto, o lector non poderá seguir o que quedaba da trama.

5. Repite as mesmas ideas. Ademais, debes remarcar todo, aínda que xa o dixeses antes. O lector odiará iso e resultaralle moi aburrido.

6. Escribe páxinas con chistes malos, adiviñas, códigos ou moitas historias diferentes xuntas que o propio lector teña que intentar conectar. Resultan aburridas e difíciles de ler.

7. Fai as cousas sen sentido, mais asegúrate de estenderte a maior cantidade de páxinas posibles! Mira o número de páxinas do dicionario máis grande da túa casa e intenta chegar a esa cifra coa túa novela. Sempre funciona!

8. Por último, o máis importante é que escribas cando non esteas inspirado, cando te atopes de mal humor ou cando teñas présa. Será máis fácil se non che gusta nada de nada escribir. Listo!!! Agora, todo depende de ti. Lembra: nunca te rendas! Se o teu soño é converterte no mellor escritor de libros aburridos, ánimo! Se pos todo o máximo interese posible, conseguirás iso e moito máis.

AINARA VILLANUEVA NÚÑEZ

[Finalista na categoría de Secundaria]

IES Faro das Lúas [Vilanova de Arousa]

O Panda

Tiña medo. Só había tres meses que fuxira dos meus bosques de bambú para vir vivir ás paisaxes galegas e aínda non fixera ningún amigo. Pero en canto pisei un pé naquela escola todos os meus sentimentos cambiaron. A xente ollábame cun sorriso de benvida, as pegas voaban sobre a miña cabeza preguntándome sobre a miña orixe, os cans de palleiro non paraban de seguirme para poder falar comigo, mesmo ás vacas lles gustaba a miña aparencia, segundo elas exótica e diferente. En canto o picapeixe que facía de profesor entrou pola clase, saudoume e fixo a mesma petición que as outras aves que me atopara: contar de onde veño, por que estaba aquí e que me gustaba facer. Todo nese colexio era perfecto: o porco celta co que compartía mesa, todos os amigos de todas as especies posibles que fixera, o gran compañeirismo dos profesores e, sobre todo, aquela carballeira. Esa onde pasabamos tardes enteiras con miles de agochos, árbores e pedras para poder xogar ata rebentar, aquela tendiña da curuxa onde podía conseguir aquel bambú que tanto apreciaba, o río onde nos bañabamos e aquelas vistas ao infinito na que ver a posta do Sol máis fermosa do mundo. Sentíame cómodo, sentíame feliz, sentíame…

-Chino de merda, esperta!

A labazada doeume, as gargalladas da xente presente que non facía nada por min doéronme máis, pero ser consciente de que todo o anterior era un soño foi o golpe máis duro.

DAVID ALJÁN LUSQUIÑOS

IES de Soutomaior

[Soutomaior]

Pasos para escribir un libro aburrido / O Panda
Comentarios