Opinión

Perdido / As aventuras de Miriam

Perdido

Todo empezou o día en que nacín... Nin sequera sabía quen era, nin de onde viña nin quen era miña nai ou quen fora que fixo que eu nacese.

Aparecín así, sen máis, nun tipo de pasadizo escuro e cadrado que tiña coma... buag! Mellor non o conto, porque cheiraba moi mal. Non sabía nin por que estaba alí nin como chegara. De súpeto, vinme furando naquel pasadizo ata que algo que non sabería definir me cegou os ollos. Cando por fin puiden ver, alá fóra había uns seres xigantes que ían dun lado para outro. Nunca paraban quietos.

Metinme outra vez para dentro ata que volvín cheirar aquel fedor que, estrañamente, me abría máis o apetito. Seguín camiñando e atopei outro becho moi parecido a min. Os dous falamos:

–Non sei por que estou aquí –dixo el.

–Eu estou perdido: pódesme axudar? –contestei eu.

–Hmmm! Coido que tes fame.

–Fa... fa... me...? Non sei que é, pero ten boa pinta –respondín sen saber moi ben de que falaba.

–Tes que tela para facer semellante túnel –afirmou aquel ser.

–Ah! Pois logo pode ser.

Seguía sen entender demasiado aquel estraño ser que era idéntico a min. Non parecía moi listo, pero eu tampouco llo debía parecer a el e, como non había ninguén máis naqueles túneles, decidín irme con el. Polo menos non estaría só.

Apenas comezaramos a furar un novo túnel e uns demos brancos, pequenos e grandes, subían e baixaban esmagando os nosos túneles e case facendo o mesmo connosco. Ao mesmo tempo alguén berrou:

–Puag! Que noxo, está chea de vermes!

Estabamos fóra, ao descuberto, así que fomos o máis rápido que puidemos na procura do agocho doutra mazá!

Marta Pazos Castro
[Finalista destacada na categoría de Primaria]
CEP Sequelo [Marín]


As aventuras de Miriam

Miriam é unha mociña de doce anos, de pelo loiro, ollos azuis e unha morea de inquedanzas no seu interior. Porque Miriam devece pola aventura. Este vicio meteullo seu pai no corpo: un profesor de bioloxía que sabía moito da natureza, porque se dedicaba a percorrer o mundo na procura de novas. Miriam sempre acompañaba o seu pai.

Desta volta estaban en plena xungla africana. Fixeran, coma sempre, unha pequena cabana para pasar uns días.

Aquela noite non podía durmir. Había exceso de claridade, pois a Lúa estaba chea. Pediulle a seu pai que a acompañase a dar un paseo nocturno pola xungla, pero el díxolle que era bastante maior para ir soa. –Así iraste facendo máis valente –díxolle.

Saíu da cabana pouco convencida, pero, como tampouco podía durmir, mellor dar unha volta pola xungla que dar voltas no saco. Camiñou amodiño, tentando identificar os sons que ía descubrindo. Pareceulle escoitar un ouveo.

–Non pode ser, aquí non hai lobos! –Colleu un caxato para camiñar máis segura e, de novo, escoitou un ouveo.

Foi seguindo o son ata chegar moi preto. Ela non lle tiña medo ao lobo e, ademais, levaba un pau. Grazas ao luar, puido distinguir unha sombra que se movía xa moi preto dela. Pero… non semellaba un lobo!

Quixo dar volta. A ela gústalle a aventura, pero o medo podía máis.

–Non teñas medo!! –escoitoulle dicir a aquela sombra. Quixo berrar, pero estaba paralizada polo medo e non conseguiu articular palabra.

A sombra aproximouse. E era un lobishome!! El colleuna da man e díxolle que sentase con el a ver a Lúa. –Non teñas medo –volveulle repetir.

Sentaron un a carón do outro: Miriam, impresionada; o lobishome, relaxado, e, coma se lle sacasen un peso do lombo, díxolle:

–Non sabía como dicircho. Agora xa o sabes, filla.

Rafael Roger Moes González
[Finalista destacado na categoría de Primaria]
CEIP Fontes-Baíña [Baiona]

Comentarios