Opinión

Por que? / O Corvo

Diario de Pontevedra, en colaboración coa Fanpa e o Concello de Pontevedra, publica cada día dous dos relatos finalistas da VII edición do concurso literario

Por que?

Esta son eu, chegando ao final dos meus días, unha muller calquera, das moitas que hai no mundo, que está preto de alcanzar a resposta a… Por que?

Alí estaba eu no portal da miña casa preguntándome… Por que? Meu marido tiña que partir por traballo cara a outro país, tocaba separarnos cando comezabamos unha vida chea de ilusión. Eran malos tempos, eu non sabía se volvería ou se nunca máis volvería velo.

Pasaron os anos e eu seguíame preguntando... Por que? Por que el e non outro... Por que?

Os anos seguían pasando e eu non sabía nada del, do meu marido; seguín a vida soa sen ninguén que estivese ao meu lado, sen ninguén que me axudase nos momentos difíciles e sen ninguén para compartir os momentos alegres, pero esperanzada de volver velo.

Un día chamáronme por teléfono: "O teu marido está morto", dixéronme. Eu estaba desfeita. Non me dixeron como foi nin... por que? Pero, certamente, eu non podía facer nada. Nunca souben máis del. Así é a vida, sen respostas, con moitas preguntas... Con tempos peores e tempos mellores, foi pasando a miña vida.

Xa era velliña, estaba soa e triste, non tiña ninguén ao meu carón. Un día cando xa era moi maior volvinme preguntar o mesmo de moitos anos atrás... Por que?

Entón pensei: "Dentro de pouco volverémonos xuntar e poderás dar resposta ao meu… Por que?".

E así, sen pensalo máis, un sorriso instalouse na miña faciana; as repostas están preto, e a nosa xuntanza tamén. 

Andrea Núñez Borregeiros
CEIP Plurilingüe Frián-Teis [Vigo]


O corvo

Nunha illa, un personaxe misterioso accede á vila, entra polas chemineas das casas e recolle alimentos e auga.

Pola mañá todos os habitantes da vila decatáronse de que pasaba algo estraño, había un fume negro que cubría todo excepto o castelo.

Todos corren ao castelo a cubrirse da tormenta, mentres a silueta escura volve roubar nas casas, pero só unha cousa. No seu lugar deixa un papel que pon "este é o final". Volve ao castelo e funde todos os obxectos nun cristal púrpura que expulsa unha onda expansiva...

Os espellos comezan a escachar, trece corvos sobrevoan o castelo, os gatos que estaban na tormenta vólvense negros...

A tormenta cesa, os habitantes volven ás casas e atópanse coa nota. Todos quedan na casa, temerosos. Escóitase o cantar dos corvos nunha fría noite, as nubes tapan o ceo, o único que se pode ver é a Lúa, que alumea os morcegos.

Ao darse conta de que non hai auga nin comida, saen.

Cando chegan ás leiras, o gando non está, e as colleitas podreceron. O único que quedaba eran as cabazas, pero ninguén as quería. Desprezadas, comezaron a escurecerse, crearon caras propias, ilumináronse e comezaron a facer sons terroríficos.

A silueta vólvese ver. Os trece corvos levántana e saen voando: "Todos vós, pobo desta illa, tiñades que coidar este castelo e non pensar que está abandonado. Alí viven paxaros, gatos, arañas e eu, o Corvo".

Comezou a tronar moito máis, o Corvo empezou a esvaecerse, coma un espectro. A tormenta tornouse violácea pola súa enerxía e destruíu todo ao redor. Tan só sobreviviu un dos corvos, que seguiu a grallar toda a eternidade. Aínda se segue dicindo que o espectro vaga pola illa tentando buscar alimento para o seu corvo. 

Martiño Ojea Troncoso
CEIP Altamira [Salceda de Caselas]

Comentarios