Opinión

Un sentimento / A casa metálica

Un sentimento

Moitas aldeas hai por Galicia, pero a miña é moi particular. Trátase dun lugar con apenas 40 veciños entre ríos e outeiros, carballeiras centenarias e diminutos prados, onde hai moitos camiños de pedra e numerosos muíños.

Un pobo unido cheo de tradicións e costumes.

Son un neno do rural galego, namorado da miña vida.

Na miña aldea, celébrase na primeira fin de semana do mes de xullo a Rapa das Bestas.

Cando era ben pequeno, a miña nai levábame ao curro, vía aloitar o meu pai, o meu tío… con aquelas bestas que me parecían moi grandes e fortes, e cando apenas era un rapaz meu pai deume unha vara de moca que con agarimo gardei ata o día da baixa.

E, sen contar, un día meu pai díxome: mañá vas vir a Montouto, a baixar as bestas. Levo a moca á miña habitación e póñoa aos pés da cama; ela debeu durmir, pero eu nada, sentía un ruxerruxe que non paraba, o sangue viaxaba moito máis rápido polo meu corpo.

Miña nai fixo que tomase unha boa cunca de leite. Dicíame: tes que comer, o día é moi longo no monte.

Collo a moca, poño unha gorra; xa estou preparado para a miña aventura máis esperada. Os ollos fánseme grandes para ver as primeiras bestas. Iimos amodiño, sen facer ruído, escollendo os mellores camiños entre os toxos. Meu pai dime que, se veñen as bestas, levante a moca ao aire e berre "Gho, gho, gho!". De repente, as bestas botan a correr e meu pai bérrame: "Corre, corre…". Mirei as bestas, elas ampeaban, eu tamén; sentín que xa non era o mesmo, a paixón polas bestas e pola natureza fíxome medrar.

Porque hai algo moi fondo que está no meu adn. Un sentimento, unha maneira de ser.

Xoel Pereiras Calvo 
CEIP San Xoán Bautista [Cerdedo-Cotobade]


A casa metálica

Vivo nunha casa metálica cun estraño suxeito que quere matarme e corro a agocharme onde non me poida ver. O meu traballo e reescribir códigos alleos para utilizalos na empresa que teño.... E sempre sempre procurando librarme dese que alcuman "O Protector" e que habita a miña casa.

É unha vida abafante. Ás veces escoito disparos, outras todo se volve cadrado e outras, algo se move e aparece unha persoa falando inglés. Ás veces a miña casa ponse azul cando intento traballar en paz reescribindo códigos. Non podo vivir así, sempre hai ruídos e polas noites vivo na máis negra das sombras.

Tempo despois, a luz na miña casa préndese e apagase, e logo comeza a estar normal outra vez e volve a escuridade... Así sucesivamente, sen explicación lóxica.

Un día estaba camiñando e, de súpeto, algo coma unha ventá caeume enriba e case me esmaga. De súpeto, desapareceu; e eu corrín afastándome daquela habitación. Ao correr, aquel suxeito que chaman "O Protector" escoitou os meus pasos e veu cara a min con moi malas intencións. Tiven sorte de que a luz se apagase outra vez. "O Protector" non me viu e pasou de min.

Axiña sentín un terremoto e volveu a luz. Movinme dun lado para outro sen parar ata que todo volveu á normalidade. Desta vez non se escoitaron disparos nin que nada fose cadrado, senón que nunha parede apareceu un cadro que poñía: "format".

De súpeto escoitei unha voz entre leda e irónica que dicía:

–Adeus, pequeno troiano!!

"Todo está borrándose. Só quedo eu. Sinto como o meu corpo se desfai. Desaparezoooooo!!!!!!"

Javier Portabales Acebedo 
CEP Sequelo [Marín]