Opinión

Serei muda pero non esquecida / A nosa viaxe

Diario de Pontevedra, en colaboración coa Fanpa e o Concello de Pontevedra, publica cada día dous dos relatos finalistas da VII edición do concurso literario

Serei muda pero non esquecida

Hai anos as letras H e C soaban igual.

C sempre foi egoísta. Quería ser única e especial como as demais letras. Un día ocorréuselle quitarlle a voz ao H e así tería ela soa o seu son. Desde que o H quedou mudo, as persoas comezaron a esquecelo. Entón, todas as cousas que comezaban por H esquecíanse. Así, Hawai foi destruída por volcáns. O Himalaia derreteuse enteiro. Xa non se cantaban os himnos dos estados. Os familiares de Hugo –Hortensia, Héctor e Helena–, volvéronse invisibles.

Un neno foi a un restaurante a xantar coa súa familia. O rapaz pediulle unha hamburguesa ao camareiro, e contestoulle: «Mira, neno, aquí non coñecemos esa cousa pero temos pratos máis ricos para escoller». Entón, ao rapaz esvaroulle unha bágoa pola meixela.

Ao día seguinte, contoulles aos seus amigos a traxedia do día anterior. E eles contáronlle tamén sucesos parecidos. Todos os presentes alí acordaron en pegar carteis por toda a cidade para que volvese o H.

Cando os cidadáns viron os carteis lembráronse de todas as cousas que comezaban pola letra H. O alcalde mandouna buscar por toda a cidade. Unhas horas despois unha rapaciña atopouna dando berros de aviso a todos os veciños.

Todos lle preguntaban que lle sucedera. Pero a letra non falaba. Decatáronse de que estaba muda.

Casualmente pasou por alí a letra C, e o H sinalouna co dedo. Todo o mundo entendeu quen era o culpable.

Os veciños esixíronlle que lle devolvese a voz a H. Pero C explicou que era imposible.

O alcalde tivo unha idea: sería muda, pero ocuparía o mesmo lugar de sempre. E o C recibiría o castigo de compartir o son do Z.

Así H quedaría mudo pero non esquecido.

Inés Ríos Monge
CEIP Pintor Laxeiro [Vigo]


A nosa viaxe

Era un día de inverno coma outro calquera ata que meus pais me dixeron que iamos de viaxe. Estaba acostumada a ir de viaxe cando chegaba o inverno, eran coma unhas vacacións máis longas do normal. Collín todas as cousas e avisei o meu irmán.

Mentres surcabamos o mar, vin moitos barcos e peixes de todas as cores e formas, arrecifes de corais, moreas de estrelas e esponxas. Tamén xoguei co meu irmán e cos meus pais.

Xogabamos ao pilla. Meu irmán quedaba. Comecei a nadar moi rápido e pronto deixamos os meus pais atrás. Atravesei unha forte corrente de auga. Cando saín do remuíño da corrente foise facendo máis escuro todo. Mirei para atrás buscando o meu irmán, estaba segura que lle levaba vantaxe e que non me ía pillar. Non o vin. Cando me virei para continuar a miña escapada xa non puiden avanzar. Estaba rodeada de plásticos!! Nadei e nadei pensando que aquilo non me ía impedir gañarlle ao meu irmán. Non era consciente do perigo ata que notei que algo se me enredaba. Loitei para me desfacer daquela especie de rede. Cando por fi n puiden saír da tea de araña que formaban os xigantescos montóns de plásticos, tentei comunicarme coa miña familia. Foi inútil, non houbo resposta. Que podía facer?

Continuei nadando amodiño pero desorientada, ata que notei area debaixo do ventre. Intentei moverme, pero non funcionou. Quedara varada.

As miñas vacacións remataran nun fermoso areal da fermosa ría de Baiona.

Sei que aquí fi xeron canto puideron por min.

Abril Rodríguez Cabral
CEIP Fontes-Baíña [Baiona]

Comentarios