Opinión

Suído / Unha pelexa continua comigo

Diario de Pontevedra, en colaboración coa Fanpa e o Concello de Pontevedra, publica cada día dous dos relatos finalistas da VII edición do concurso literario

Suído

Lau camiñaba con paso lixeiro por un camiño de terra que levaba ao alto do monte. Levaba unha pucha, gafas escuras e unha botella de auga na man. Camiñaba con decisión, como se coñecese ben o lugar.

O camiño de terra era un rego entre decenas de muíños de vento, que coroaban as lombas do monte.

Fixo unha pequena parada, levantou a vista e achegouse a un dos muíños.

–Como se lle pode chamar a isto un muíño? –dixo en voz baixa.

Nese intre, tocouno coa palma da man.

De súpeto, veulle á cabeza a imaxe do pequeno muíño da súa aldea. Lembrouse da humidade do río, da lama dos carreiros, da man da súa avoa, do tacto da pedra, do brión, do ruído ao abrirse a porta, da escuridade, do son da tarabela!

–Como se lle pode chamar a isto un muíño? –repetiu mentres sentía o tacto frío e metálico.

Baixou a man e ergueu a cabeza. O ruído seco e cortante das pas do muíño asolagábao todo cunha cadencia matemática.

Lau sempre pensou que os muíños que non xiraban estaban en folga, enfadados por estar orientados de costas ás Terras do Ribeiro, colocados alí ao capricho do vento.

Nese momento lembrouse dos seus veráns ao carón do encoro de Albarellos, esa mesma presa que os muíños non podían ver, esa mesma paisaxe que agora ela só podía sentir, condenada polo antollo da enfermidade.

Nese instante escoitou pasos e xente falar, colleu o seu caxato e achegouse a eles…

Francisco Javier Martínez Ventín
CIFP Manuel Antonio [Vigo]


Unha pelexa continua comigo

Corre, segue, non pares, non mires atrás.

Estaba fuxindo, estábame pisando os talóns.

Enleeime con ela nunha pelexa de verbos malsoantes e mans voando por todas as partes.

Conseguín gañar un pouco de tempo e volvín fuxir.

Caín ao chan, levanteime rapidamente, mireina.

Estaba detrás de min, sorrindo, e cunha mirada fría e desafiante. Eu escapaba dela, pero tiñamos moito en común.

Ambas as dúas pensabamos igual, moviámonos igual, falabamos igual e eramos unhas incomprendidas. O único problema era que non nos entendiamos ben e non confiabamos a unha na outra.

Non sabiamos quen eramos en realidade... Ela tiña un carácter rebelde, era atrevida, realista e segura de si mesma, tamén un pouco violenta, non sabía canalizar a súa enerxía. Eu era tímida, insegura, soñadora, invisible e calada, escondía moitos segredos. Pero as dúas unidas conseguiamos ser únicas.

Se eu desaparecese, ela tamén o faría. O noso lazo era vital.

Cando estabamos as dúas xuntas non me sentía demasiado cómoda, facía que me dese conta da realidade, espertaba os meus medos.

Tentei fuxir de novo, pero entendín que non podo escapar de min mesma.

Naima Mera Villar
IES Escolas Proval [Nigrán]

Comentarios