Opinión

Treboada na noite / Un dos meus soños / Murmurios

Treboada na noite

Ela era morena e fraca, con moita sede de sangue. Xa non sabía que facer.

Non tiña onde ir. Non atopaba o que buscaba. Recorría lugares, sitios cheos, sitios baleiros e nada. Era incapaz de conseguir saciar a súa sede. Ata que chegou o día en que xa non podía máis. Estaba decaída, non tiña forzas nin para moverse nin para xa case respirar, e chegou o que ela estaba esperando tanto. Non daba crédito. Xa non sabía se era unha visión, se estaba soñando ou era unha alucinación, debido ao estado tan débil que tiña. Entón acercouse como lle foi posible, arrastrándose, sacando forzas de onde non había.

Conseguiu trepar, agarrándose con forza ao cabelo daquel can peludo, ata que cravou os seus dentes na pel de Tobi, que pasaba por alí, xa que levaba tres días chovendo e non o sacaban a pasear. Ao final, a nosa amiga Pulgui conseguiu saciar a súa sede e comezou o seu camiño cara a unha viaxe inesperada.

Sira Bouzón Bouzón
[Finalista na categoría de Primaria]
CEP Santa Mariña [Redondela]


Un dos meus soños

Esperto e non me podo mover, quero comer e non me podo mover, déitome e non me podo mover. Non obstante, algo en min se move. As miñas pequenas ferramentas móvense.

Todo o mundo mira para min, non o entendo! Ás seis e media, ás dúas en punto, ás sete e cuarto..., non me sacan ollo de enriba!

Nacín nunha fábrica. De súpeto, metéronme nunha caixa e leváronme a unha casa e acomodáronme. Supuxen que era a miña casa.

Un día notei un frío estarrecedor e xa nada en min se movía, nin as miñas ferramentas.

Un médico descubriu que me tiñan que operar. Operáronme con moita rapidez, pero non conseguiu arranxarme.

Abandonáronme nun soto e alí pasei horas e horas..., días e días, meses e meses. Cheguei a pensar que ninguén viría a sacarme de alí.

Pero, un día, a luz entrou pola porta, unha man suave colleume e algo colocou no meu lombo, e, cunha voz moi doce, díxome: Xa podes cantar se queres. Eu non daba creto, funcionaba, e con moitísima ilusión comecei a cantar a miña melodía preferida: tic, tac, tic, tac, tic, tac...

María Bouzón Fernández
CEIP Plurilingüe Outeiro das Penas [Redondela]


Murmurios

Chegou o momento. Recollo a miña habitación, fago a maleta e vou cara á porta co rostro serio. Era consciente de que ía facer a viaxe máis importante da miña vida, que ao adentrarme nesa aventura todo cambiaría e nada volvería ser igual. Penso en todos os familiares e amigos que deixaría alí, en todos os recordos que tiña con eles. Pero xa é demasiado tarde para volver atrás. Antes de saír, doume a volta e miro por última vez aquel lugar. E, cun leve suspiro, dou un portazo.

Xa é de noite e non vexo ninguén camiñando pola rúa. Unha suave brisa de vento golpéame na cara e noto un arrepío sorprendente que recobre todo o meu corpo. Detéñome durante cinco segundos e continúo camiñando. Teño que ir ata a miña moto para poder chegar ao aeroporto. Calculo que tardarei seis minutos en chegar. Trato de tranquilizarme e penso unicamente en todo o que pasará a partir dese momento. Soamente me faltan cen metros para chegar á moto. Dobro a esquina. De súpeto, todos os farois que tiña ao meu redor apagáronse, menos un, o que tiña en fronte. Debaixo del, apareceu unha vella de cabelo branco que posuía uns fermosos ollos verdes.

Inmediatamente, achegouse a min e bisboume unha cousa ao oído. Logo, marchou e dobrou a esquina, coma min. Agora vivo nun lugar moi afastado de alí e nunca máis a volvín ver nin aínda sei que me dixo. Pero o que si sei agora é que non podo pensar só coa cabeza, senón co corazón.

- Boas noites. - Carlos pecha o libro e apaga a luz. Pero non pode evitar que unha bágoa remate nas súas meixelas.

- Boas noites - di o seu pai, recollendo o seu diario e recordando a súa nai.

Pablo Brión Alvarado
CEIP Emilia Pardo Bazán [Vigo]