Opinión

Charles

O PCF desmentiu as novas sobre a posible saída de Charles. Pero se marchar é o mellor para el, ninguén ten dereito a pedirlle o contrario
Imagen de archivo de Charles durante su presentación con el Pontevedra C.F. DP
photo_camera Imagen de archivo de Charles durante su presentación con el Pontevedra C.F. DP

Lembro a Charles camiñar arredor de Pasarón, chorando desconsoladamente, en estado de shock. A carón del ía Alberto Argibay, adestrador transformado en confesor. O Pontevedra perdera o día anterior contra o Sevilla Atlético o play-off de ascenso de 2006 e Charles preguntábase por que. Seguía sen comprender nada, como se a vida deixase de ter sentido.

O drama foi revelador: aquel brasileiro tiña un grao de implicación máis alá do racional. A típica chorrada de sentir o escudo que nunca crera de ningún futbolista, Charles parecía telo de verdade. E escoitando a forma na que retornou a Pontevedra e coa súa voz quebrada pola emoción no spot de Pablo Cacheda por voltar a casa cos fillos, acabouse a sospeita.

Para un tío como Charles, o diñeiro no Pontevedra é o de menos. El fixo fortuna no fútbol en Primeira. E non ten pinta de ser home de cadeas de prata, iates e longas noites, de ser un derrochador profesional.

Ninguén quere que siga máis ca el (nin o PCF, que tamén o quere moito). Pero a calquera que xogue e ame un club ao mesmo tempo poderían virlle dúbidas razonables de saber se o seu corpo vai respostar a certas alturas da vida.

Se esa é a orixe da incerteza sobre a súa continuidade (segundo as informacións que manexo, é así), non só o entendería, senón que o animaría a deixar o verde. Porque a saúde é o primeiro. A física e a mental. E ninguén ten dereito a pedirlle que siga arriscando os seus xeonllos e a súa cabeciña, pedrille que non ofreza a súa mellor versión domingo tras domingo, na casa, co seu escudo, a súa afección e diante da familia. Se Charles quixera retirarse, o único que eu podería facer sería aplaudirlle.

Comentarios