Blog | Acabou o conto

Os salvadores do mundo

Vasili Arkhipov coa súa dona Olga, nunha foto da colección familiar. DP
photo_camera Vasili Arkhipov coa súa dona Olga, nunha foto da colección familiar. DP

É posible que vostede lle deba a vida a Vasili Arkhipov. E non sabe nin quen é. Non ten a culpa. Ata hoxe nunca llo mentaran. Coñece a Patton, ao xeneral Grant, ao xeneral Custer, a Teddy Roosvelt, a Montgomery e a Lawrence de Arabia. Pero non ten nin idea de quen é Arkhipov. 

Era soviético. Un soviético durante a Guerra Fría. Estaba no bando equivocado para facer fama e fortuna. Sobre el só houbo silencio ata hai algo máis dunha década. Nin se escribira un libro, nin un artigo de xornal, nin se fixera unha película da súa vida. 

Corría o ano 1962 e Estados Unidos e a URSS andaban a pegarse galletas seguido por demostrar quen podía ser máis malo, quen podía adulterar máis a verdade e quen podía adoutrinar máis e mercar máis aliados. Nesa loita por medir quen a tiña máis longa, Arkhipov viuse destinado nun submariño ruso con armamento nuclear abordo para abastecer a base nuclear que o Kremlin andaba a montar en Cuba coa fin de ter a tiro de pedra aos USA. 

As forzas navais americanas detectaron ao inimigo baixo a auga do Caribe e once destrutores da Armada estadounidense empezaron a lanzarlle cargas de profundidade co obxecto de facer saír o barco á superficie. No submariño comezou a subir a temperatura ata o punto necesario de cocción para facer unha sopa. A concentración de CO2 motivou que moitos mariñeiros rusos acabasen desmaiándose. As condicións de presión ás que estaban sendo sometidos obrigaban a unha rápida decisión. "Era como estar sentado nun barril metálico que ferve e ao que non lle paran de pegar golpes de martelo", dixo, décadas despois, unha das testemuñas rusas. 

Non é doado pasar á historia sendo un heroe no bando errado

Conta a historia que os ianquis avisaran a Moscú da súa actividade, pero que un problema coa comunicación impediu que esa información chegase ao poder do capitán soviético abordo, Valentin Savitski. Savitski levaba moitos días mergullado e incomunicado. Non tiña nin idea de que ía aquel bombardeo que non era tal. 

Savitski quixo lanzar un torpedo nuclear para liberarse da presión estadounidense. Para executar esa idea, cousas dos roxos, tiña que haber unanimidade entre os tres oficiais da nave: el mesmo, Ivan Maslennikov e Vasili Arkhipov. A 50 graos, acurralados polo inimigo capitalista, con membros da tripulación sufrindo e coa presión dunha decisión para intentar salvar as vidas propias, Savitski convenceu con facilidade a Maslennikov da conveniencia de atacar, pero non puido con Arkhipov. Logo seguiu unha acalorada discusión na que Arkhipov impuxo a cordura. O submariño subiu á superficie, a guerra nuclear entre as dúas tolas superpotencias non chegou a producirse e finalmente o mundo seguiu o seu curso. 

Arkhipov é un perfecto descoñecido no mundo occidental porque era comunista. O recoñecemento chegoulle na celebración do 40 aniversario da crise dos mísiles, na Habana, cando xa levaba catro anos morto. Thomas S. Blanton, director do Arquivo de Seguridade Nacional de EE UU, explicouno. "Un tipo chamado Vasili Arkhipov salvou o mundo". 

Sen embargo, a súa historia segue sen ser trascendente. Se fose un mariño ianqui, sería un ídolo. Habería lendas sobre el. Un cómic e unha peli de Clint Eastwood. Pero era de Moscú. 

O esquecemento que perseguiu a Arkhipov ata morrer sucede sempre que hai un conflito entre aliados e inimigos, entre vencedores e vencidos. Non é doado fuxir do anonimato cando es un heroe no bando equivocado, por moito que o teu logro fose unha sociedade mellor. 

Moitas desas persoas xustas acabaron nunha cuneta, nunha fosa común ou no exilio. A memoria histórica pola que loita o alcalde Lores parece unha ameaza para os do bando contrario. Parece que os que caeron por pensar doutra maneira, sen sequera sacar unha chave inglesa para se protexeren, deben permanecer soterrados, mentres os seus verdugos presumen de rúas co seu nome en toda España. 

Os discípulos destes últimos esgrimen a escusa de que lembrar o pasado é un perigo para a unidade do pobo, cando o único risco de facelo é a aprendizaxe dos erros. O outro só se pode entender desde dous puntos de vista: ou failles dano lembrar que os seus antergos cometeron aquelas barbaridades ou simplemente cren que os mortos non merecían outro destino.

Comentarios