Opinión

O futuro da nosa pataca

O GRAVE problema da couza ou ‘polilla’ da pataca que temos metida en toda A Mariña é que ataca directamente aos tubérculos; estraga a colleita, non as follas. Ata o de agora fóronse combatindo as pragas más habituais (a do escaravello e os fungos da mancha) sulfatando as ramas da planta e tamén aprendimos a cambiar de variedade de pataca para non acostumar a bicharada con este noso manxar. Pero agora habería que aprender a manexarse con outro patrón de cultivo e almacenaxe. Por ahí adiante, onde levan décadas padecendo a couza, recomendan tratar primeiro a terra cun insecticida e despois botar man de trampas con feromonas para capturar as máximas bolboretas posibles arredor das leiras e alboios. Pero hai quen di que isto non acaba con ela, simplemente lle quita algo de forza, con sitios onde só queda o 50% da colleita sa. E hai quen vende unha ‘solución’ a base de gasear a semente para afogar todo rastro da couza.

Noutros sitios as cápsulas con feromonas son gratuítas, teñen fixadas indemnizacións por quilo infestado e retiran as patacas para destruílas con efectividade. Aquí probarán a prohibir: supostamente, morto o can acabarase a rabia.

Comentarios