Opinión

Desleixo colonial

DICIAMOS NA finde pasada, noutro foro, que a tarifa eléctrica única (todos pagan igual no Estado, mesmo os consumidores galegos pagamos 23 M€/ano máis ao nos obrigar a pagar adicionalmente o canon eólico que recada a Xunta) prexudicaba grandemente ao noso País fronte a territorios de grande consumo e nula produción como Madrid. Nós somos os que sofrimos os custos ambientais, paisaxísticos, de expropiacións, derivados da produción e nós non podemos usar o noso excedente eléctrico (máis do 38%) para atraer investimentos industriais que incrementen substancialmente o noso PIB e o emprego de calidade.

Estes dias vivimos outra faciana da mesma realidade: os cortes eléctricos que sofriron 176.000 fogares galegos e que este domingo aínda sofrían 28.000. É verdade que a meteoroloxía sempre pode xerar efectos prexudiciais, mais non se diga que non houbo aviso desta volta. O que ocorre é que as redes de media e baixa tensión presentan un grao de pésimo mantemento e que o monopolio distribuidor no territorio, Gas Natural Fenosa, externalizou e reduciu substancialmente os seus servizos até o extremo de non ser quen de restablecer a subministración eléctrica despois de máis de 72 horas de corte. No país que máis enerxía produce do Estado sofrimos os peores cortes por padecer os peores servizos de mantemento.

Correspóndenlle á Xunta as competencias de inspección e sanción no eido da subministración enerxética. Pero, como adoita pasar, non soubemos nada do conselleiro de Economía e Industria. Para máis a Xunta non usou dos seus propios medios persoais para reducir os danos causados pola climatoloxía adversa. Os bombeiros forestais de Galicia veñen de denunciar, pampos e indignados, que a Xunta non os mobilizou nesta crise.

Nesta crise de emerxencias non soubemos tampouco de Feijóo. O caso é que o propio presidente dicía hai só unha semana que ninguén en España entendería unha tarifa eléctrica propia para Galicia. Ben chocante que a persoa a quen lle encargamos a defensa dos intereses galegos adopte a actitude do colonizado e defenda esa tarifa eléctrica que fai posíbel o expolio enerxético galego. Ao mellor nos explicamos agora aquela aperta co presidente de Iberdrola na sua toma de posesión en abril do 2009.

Comentarios