martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

España desconfía dos pactos

A INCAPACIDADE dos partidos españois para chegar a un pacto de goberno no Estado é paradigmática. PP, PSOE, C’s e Podemos tecen e destecen cara á galería, obsesionados con perder posicións tácticas, resoltos no fondo a non ceder das súas posicións. A lóxica competitiva imponse á cooperativa e avanzar cara ao compromiso non ten premio, malia a realidade da existencia dunha maioría de votos que empurra cara un goberno progresista de centro-esquerda.

En realidade, esta actitude xeralizada ten fondas raigames na historia política e social de Castela como núcleo que se impuxo aos restantes países do Estado. A Coroa de Aragón, formada polos reinos de Mallorca, Valencia e Aragón e o Principat catalán baseábase na confederación voluntaria destes Estados e máis no pacto do Rei con cadanseus parlamentos (superiores ao Rei). Navarra ou Biscaia baseábanse nos pactos forais e na Galicia e Portugal valorábanse sobranceiramente as capacidades de negociación e compromiso. Pola contra, a Coroa de Castela construiuse sobre a primacía do Rei e a unificación forzosa de leis e relixións. Castela liquidou a tradición de convivencia das tres relixións do Libro que un día imperou en Toledo e expulsou xudeus e musulmáns, mentres sometía á doma e castración ao noso país, liquidaba de feito as Cortes e, logo de sanguentas guerras, suprimía as liberdades aragonesas, valencianas e catalás (1707-1714) e laminaba os foros vascos (1839 e 1876).

O século XIX e o primeiro terzo do XX afondaron nunha España que resolvía os seus conflitos, tanto sociais como territoriais, dende a imposición. Callou, ao tempo, un modelo de español que ten as cousas claras e que pensa do único xeito que se pode pensar. Para este modelo, ben presente na política e na educación, os compromisos e pactos son “componendas” de xente feble ou dubidosa, cando non abertamente disolvente.

A guerra civil e a longa ditadura franquista levaron ás últimas consecuencias esta aversión ao compromiso, permitindo deste xeito que unha pequena elite monopolizase o poder político e as claves do capitalismo de amiguetes que o réxime centralista propiciou. E velaí o resultado. Desconfianza e aversión cara á plurinacionalidade, fomento do capitalismo de amiguetes fronte á libre concorrencia e incapacidade para construir cooperando.Incapacidade para o compromiso no que gañemos todos.

España desconfía dos pactos
Comentarios
ç