Opinión

Falsidades sobre a lei de violencia machista

O DISCURSO negacionista de Vox, repenicado parcialmente polo líder do PP, Pablo Casado, require pór en orde algunhas das falsidades que algúns, orfos de toda formación sobre cuestión de xénero, semellan  acreditar á forza da súa goebelliana repetición. Non é certo que a lexislación antiviolencia machista invirta a carga da proba e obrigue aos homes a demostrar a súa inocencia. As regras do Dereito Penal non mudan. Todo home denunciado é inocente até que non sexa condenado por unha sentenza definitiva. Outra falsidade é a suposta asimetría penal, isto é que as condutas desenvolvidas por un home son castigadas de xeito máis duro. É incerto, as condutas todas son castigadas de xeito semellante, sexa cal fóra o sexo do seu autor. 

A muller denunciante non acada beneficio ningún nun procedemento xudicial de divorcio ou semellante polo mero feito de ter denunciado. Pola contra, a denuncia penal adoita abrir procedementos complexos nos que moitas veces os distintos funcionarios e profesionais interviñentes non comprenden ben a realidade das maltratadas. Velaí a desconfianza a respecto dalgunhas mulleres que non denuncian os abusos, cando precisamente un carácter típico do maltrato é o de non denunciar os abusos pola situación de autonegación persoal que vive.

Canto aos beneficios económicos, estes redúcense a unha paga de 420 €/mes para as mulleres que carecen doutros ingresos, que só dura 11 meses (ampliábeis a 36). Tamén, para as empregadas, á posibilidade de suspensión do emprego de  acadaren  unha orde de protección e accederen á prestación por desemprego de tiver cotizacións abondo.

A lei de prevención de violencia de xénero non é discriminatoria e  foi declarada expresamente constitucional pola Sentenza 39/2008 do Tribunal Constitucional. Porque a igualdade  de homes e mulleres esixe tratar de xeito desigual as situacións desiguais. E a violencia machista, hoxendía, é un andazo, nada comparábel en termos cuantitativos con outras violencias intrafamiliares. A violencia machista constitíue o problema máis grave da nosa sociedade no que se refire aos dereitos humanos.

Os homes non estamos aínda á altura do repto da nosa sociedade canto á prevención da violencia machista. Xa que logo, o mínimo que podemos facer é combater nos ámbitos da política e da comunicación social as 'fake news' e falsidades dos negacionistas.

Comentarios