Opinión

Fiscalidade regresiva

ENTRE O 2007 e o 2017 equiparáronse o PIB e a recadación fiscal, despois da Grande Recesión. Fronte aos 200.000 M€ do 2007 o Estado español recadará algo máis de 198.000 M€ no 2017. Mais a distribución dos ingresos fiscais é moi diferente. No IRPF a recadacion subirá até case 77.000 M€ dende os 72.614 M€ do 2007. No IVE subirá dos 57.850 M€ do 2007 até os case 66.900 M€ do 2017. A fiscalidade sobre as familias medrou do 73,8% do 2007 até o case 87,3% do 2017. Mentres, o Imposto de Sociedades (IS) non sobardará os 23.500 M€, ben lonxe dos 44.823 M€ do 2007. É dicir, o Estado español aínda non recuperou case a metade dos impostos (máis de 21.000 M€; uns 500 € por residente) que percebiu das empresas españolas no 2007, cando neste tempo incrementou nun 11,5% a súa recadación ás familias por impostos directos ou indirectos. Con este déficit polo IS cubriríase o custo todo das prestacións por desemprego no 2017 (18.300 M€, aproximadamente) e aínda abondarían 3.000 M€ para mellorar as pensións. Ou pagaríanse  nun 70% os xuros anuais da débeda pública española, que acadan os 30.000 M€. O que quere dicir que estes 21.000 M€ poderían darlle unha reviravolta á atención sanitaria, educativa, da dependencia e dos servizos sociais. É dicir, poderían mellorar substancialmente as cousas importantes.

É certo que as empresas poden compensar fiscalmente bases impoñíbeis negativas dos últimos catro anos, mais no 2017 e 2018 xa haberíamos ver case todas estas bases compensadas. Porén, o que resulta moi rechamante é que, cun tipo fiscal do 25% sobre os beneficios, as pemes paguen un 12,2 % do seu beneficio neto contábel fronte ao 7,3% das grandes empresas. Mentres, os traballadores pagan o 14,9% dos seus ingresos netos.

Xa que logo, cómpre revisar a fiscalidade corporativa para axeitar a xeración do beneficio á recadación fiscal. Porque, no Estado español, hoxendía, o sistema fiscal corporativo vulnera o principio constitucional que establece que ha achegar máis quen máis gañe.

A ARRINCADEIRA. O Concello coruñés vén de homenaxear Pepe Miñones Bernárdez, republicano de centro corcubionés asasinado legalmente polo franquismo en decembro 1936. Creou a Electra Popular Gallega, que logo mercaría de saldo Barrié para Fenosa. A traxedia de Miñones expresa dun xeito singular o xorne violento e represivo do réxime nado no 1936.

Comentarios