martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

Iguais ca todos

AS PERSOAS que tivemos a sorte de que nos deran unha educación orientada á liberdade responsábel (“Xoanciño, fai o que ti creas que compre, pero non fagas o ridículo”) sentímonos un pouco roibos coa lectura dos whatss enviados polo Xefe do Estado e a súa dona ao seu común amigo López Madrid. Xenro de Villar Mir, penalmente investigado no asunto dos cartóns black de Bankia por gastos sen xustificar superiores aos 34.000 euros e que xa declarara en relación co financiamento ao PP en diñeiro negro na contía de 1,8M€.

Ben, pois toda esta información achábase ao dispór do Rei e da Raíña e, porén, non dubidaron en lle amosar ao López Madrid o seu apoio, quer considerando merde toda teimuda realidade que se interpuxera co seu amigo, quer convidando xantar ao día seguinte a un individuo deste dubidoso comportamento. E isto só catro meses despois de xurar o mandato real.

Vai para os dous anos o Vello Rei tivo un detalle moi feo: ir cazar elefantes a Botswana coa que estaba a caer. E aos listos do establishment ocorríuselles unha operación para resgatar ao soldado Ryan, quere dicir á Coroa. Porían no seu sitio ao Fillo, home da miña xeración e abondo preparado. A inmediata distancia que o novo Rei puxo coa súa irmá e o seu cuñado facía albiscar que a remuda lampedusiana podía causar bó efecto aparente.

Mais estas revelacións volven pór ao novo Rei e á súa dona xogar na liga que xogaba o seu pai: a das persoas que se sinten á marxe dos efectos das normas xurídicas e das convencións democráticas. E isto é bastante grave. E non só porque chova sobre mollado. Que tamén.
É grave porque o enorme déficit democrático da Coroa só se vai diluíndo se a Institución é eficaz na plurinacionalidade española e se é exemplar. Da eficacia na plurinacionalidade non hai moito que falar. Os propios discursos do Xefe do Estado denotan unha visión tan mesetaria coma a do Real Madrid. E agora resulta que a exemplaridade pode porse en cuestión.

Non só teñen que ser exemplares, senón parecelo. Porque, ao pretender ser depositarios da “auctorictas” sen se someter ao escrutinio democrático, non son iguais ca todos.

Iguais ca todos
Comentarios
ç