Opinión

Novo pulo ao 'procès'

A INVESTIDURA por maioría absoluta do Parlament do até de agora alcalde de Girona, Carles Puigdemont (Junts pel Sí e afiliado a CDC) demostra a flexibilidade da política catalá, que mesmo vén de recoñecer o dirixente de Podemos, Íñigo Errejón. E abre un escenario de estabilidade parlamentaria que constitúe un evidente pulo ao proceso soberanista catalán, malia que ao mellor este, como dixo o presidente da Assemblea Nacional de Catalunya (ANC), gran motor del, precise de máis músculo e de menos velocidade.

A CUP aprobara un veto incondicional a Artur Mas, malia que a metade da súa xente manifestouse a prol da súa investidura. Xa que logo, a decisión de Mas de botarse fóra (xenerosa e politicamente estratéxica) desarmou de vez aos antisistema. Executado o veto a Mas, Junts pel Sí foi quen lles impór non só o voto á persoa de Convergência (CDC) decidida polo propio Mas, senón un pacto de estabilidade parlamentaria que inclúe o prezo da demisión dalgúns dos deputados máis refractarios á investidura do até de agora President.

Esa decisión permítelle a Convergência evitar unhas eleccións pouco favorábeis e enfrontar un proceso de refundación que esixen os pasados casos de corrupción e que desenvolverá baixo a dirección do propio Artur Mas. Semella que Democracia i Llibertat, futura marca dos converxentes, adopta o esquema bicéfalo de distintas persoas nas xefaturas do partido e do goberno que tan ben lle resultou ao PNV. Sabido é que unha nova páxina na historia institucional catalá é imposíbel sen que a mediana burguesía e o centro político teñan sitio nela. E Artur Mas agora traballará para facelo.

Pola súa banda, Esquerra (ERC) fornecerá un 40% do Govern con Junqueras na vicepresidencia. Mentres que as forzas unionistas amosaron a súa sorpresa e contrariedade, Catalunya terá Goberno e folla de rota soberanista esta mesma semana. E en Madrid semella que non hai pacto para a gobernanza nin o haberá nalgún tempo. Mesmo é moi dubidábel en termos constitucionais que Rajoy, como presidente do Goberno do Estado en funcións, reteña as competencias para instar do Senado a aplicación das medidas de intervención da autonomía de Catalunya, consonte co artigo 155 da Constitución.

Comentarios