Opinión

O exemplo do noso derbi

VIMOS DE desfrutar dun derbi exemplar. Ningún incidente, milleiros de seareiros das dúas equipas partillando, réplicas do derbi das equipas coruñesa e viguesa de xornalistas, avogados... Os seareiros galegos estamos no camiño de converter os partidos da mesma rivalidade nacional no que teñen que ser: na festa do noso fútbol.

Semella que a xente nova e mesmo moitas que xa sobardamos os corenta comprendemos a rivalidade (que xa lles anticipo que será eterna) en termos deportivos e saudábeis. O Dépor (o Celta para a outra metade de Galicia e mesmo o Breogán, o COB e máis o Obra) pode ser a miña equipa e o meu referente e clave na miña identidade e socialización, mais isto non nos pode pechar en nós propios, sen advertir que Dépor e Celta, A Coruña e Vigo, son pezas senlleiras deste país europeo chamado Galicia que vivimos, gozamos e, ás veces, sofrimos.

Velaí o acerto no uso do noso himno e bandeira nesta caste de eventos. Os seareiros que cantaron este día 'La Marselleise' no Stade de France deprendéronos que o patriotismo vai intimamente vencellado á convivencia en liberdade. Os seareiros que cantamos o himno nacional en Riazor expresabamos a convicción de que podemos sentir a Patria sen refugar da nosa identidade deportiva e local, porque Galicia é un espazo de convivencia e un proxecto de futuro común ao norte e ao sur.

Porque o sentimento patriótico non prexudica, senón que lle dá sentido e contido á plena asunción da común identidade europea, ao recoñecemento e potenciación dos vencellos de amizade e solidariedade que nos unen cos demáis pobos do Estado e á afirmación das liberdades individuais, dos valores universais da persoa humana e da solidariedade e igualdade. Somos cidadáns do mundo dende a nosa galeguidade.

Bó número de galegos e galegas de orixe latina, magrebí ou doutros pobos europeos celebraron canda nós este derbi. O que quere dicir que non hai mellor expresión da identidade que recoñecermos nun proxecto común de futuro. O patriotismo do futuro é o patriotismo cívico.

A ARRINCADEIRA. Os xogadores de ambas as dúas equipas non respectaron a escoita do himno nacional, pois segueron a quecer polo terreo de xogo. Un erro da organización (que non dos xogadores) que cómpre amañar no inmediato futuro.

Comentarios