Opinión

O franquismo na Transición

A ACTUAL monarquía borbónica carecía de toda lexitimidade de orixe á morte do ditador Franco. Porque o anterior xefe do Estado aceptou vencellar a súa lexitimidade á do réxime do 18 de xullo, mesmo rachando relacións co seu pai, xefe da dinastía borbónica. É dicir, a monarquía española instaurada no 1975 proviña da ditadura, da súa violentísima instauración e do seu ilexítimo desenvolvemento.

A lexitimidade de orixe pertencíalle á Constitución da II República e, no caso de Galicia, ao Estatuto aprobado popularmente no 1936. Mais o réxime franquista non quería ceder as pancas do poder nin someterse ao xulgamento das respnsabilidades penais dos milleiros de franquistas, aínda vivos no 1975, que cometeran delictos de sangue.

Ese foi o rol de Juan Carlos de Borbón. Desenvolver unha solución de compromiso que rachara coa lexitimidade republicana, que agachara a memoria histórica e que permitise a convivencia entre unha nova clase política, filla da transición e o capitalismo castizo de BOE beneficiado polo ditador.

Neste contexto, enténdese o relato lexitimador da monarquía abrollado despois do 23-F, que lle permite limitar substancialmente o autogoberno de Galicia, Euskadi e Catalunya e construir o bipartidismo dinástico. Esta onda, na Galicia do 1981, privou dos seus escanos no Parlamento de Galicia ao BNPG e botou fóra ao nacionalista Domingos Merino da alcaldía coruñesa.

Dende entón Juan Carlos de Borbón e bipartidismo dinástico son os elementos que dan coherencia ao relato da transición e que explican que sigamos a vivir nun réxime que, nalgunhas cousas importantes, non é senón un franquismo reformado.

Mentres, medios solventes como The New York Times, Proceso ou Economía Digital avaliaban a fortuna persoal de Juan Carlos de Borbón canda a súa demisión entre 1.600 e 2.000 M€. De onde saíron eses cartos?

Semella que da herdanza do seu pai (8 M€ entre todos os seus fillos) non foi. E dos soldos percebidos dende 1975 tampouco. Terá que ver, logo, co suposto monopolio fáctico do que supostamente gozaba o amigo do Borbón -Manuel Prado- a respecto das importacións de petróleo de Kuwait, Arabía Saudita i Emiratos Árabes Unidos? Que significou aquilo de que “el Rey es el mejor relaciones públicas de España”, que tanto escoitamos de nenos e rapaces?

Comentarios