sábado. 31.07.2021 |
El tiempo
sábado. 31.07.2021
El tiempo

O nacionalismo español

NON VOU ser quen negue que a vía unilateral do soberanismo catalán, encetada despois de sete anos de inmobilismo dende Madrid, non fose arriscada. Nin que sería conveniente unha maioría cidadá máis ampla ca un 48,7% de votos antes de adoptar certa caste de decisións.
    Mais non se pode ser equidistante. O Govern e os partidos e organizacións cívicas soberanistas limitáronse declarar o 27-O a independencia de xeito simbólico, renunciando á desobediencia pacífica fronte o golpe inconstitucional do 155. Nin houbo violencias nin rebelións nin sedicións. As sucesivas demostracións cidadás foron sempre pacíficas.
   Máis do 70% da cidadanía catalá quería votar para decidir o seu futuro, mais o Goberno do Estado pechou, canda C’s e PSOE, todas as vías de diálogo.  Certo que non se daban as condicións para un referéndum decisorio, mais o mundo soberanista tentou ese pacto até o mesmo 1-O. Ese día o Ministerio do Interior reprimiu violentamente a milleiros de pacíficos cidadáns, que querían votar, diante do mundo todo.
   No 3-O o xefe do Estado marcou o sinal do rearme españolista: nin desculpas, nin diálogo nin negociación. Dende esa data o rearme e agresividade do nacionalismo español é evidente. Vivimos tempos de “a por ellos” e non só na Catalunya ou Madrid, malia que no noso País percébamolo, por sorte, moito menos.
   Dous terzos do Govern foron apreixados, canda os Jordis e o resto tivo que se exiliar. Faláronnos, claro, da independencia dos tribunais, mais a propia vicepresidenta Sainz de Santamaría, amais de defender a liquidación do soberanismo, vén de recoñecer esta falla de independencia no Supremo e na AN: cómpre agradecerlle a Rajoy o 155, porque así se conseguiu descabezar aos soberanistas. Verdadeiramente ten razón, os principais candidatos de Junts per Catalunya e de ERC remanecen no cárcere ou no exilio e non poden partillar debates, encontros nin entrevistas 'face to face'. A desigualdade de oportunidades é evidente, mentres Josep Borrell (PSC) corrixe Miquel Iceta e dí que cómpre desinfectar Catalunya.
    Dende o discurso de El-Rei o nacionalismo español rearmouse sen complexos, escollendo un camiño de represión e agresividade propio dos valores da extrema dereita. Mais estas exhibicións fachendosas poderían ser sinal de febleza antes ca de forza.

O nacionalismo español
Comentarios
ç