Opinión

O xogo de Podemos

OS BOS resultados dos candidatos de Podemos Galicia nas primarias do partido En Marea nas circunscricións coruñesa e pontevedresa non poden agachar o curtopracismo e esterilidade da reacción podemita, motivada pola incomodidade xerada en amplos sectores de Podemos Galicia pola renuncia de Pablo Iglesias á coalición ( aceptando diluirse na Maré) e coordinada por un Echenique que demostra día a día a súa incapacidade para tender pontes e suturar feridas.

Podemos Galicia incorporouse cun censo amplo, dos que votaron case 4.000 dos 10.143 votantes totais. Este voto dividiuse en só dúas candidaturas, a oficialista de Carmen Santos e a crítica. Na Coruña concorrían outras catro, en Pontevedra outras sete, mentres que en Lugo e Ourense só cadansúas tres. O sistema de primarias escollido é moi proporcional, mais agasalla aos votados nos primeiros lugares (o voto ao nº un val un, ao nº dous medio, ao número tres un terzo e así cara atrás). Velaí como con non moitos sufraxios os candidatos podemitas aproveitaron esta pluralidade no seu propio beneficio, xa que os seus adherentes votaron en bloque a algunha das súas dúas candidaturas. A concentración das opcións galeguistas e municipalistas en Lugo e Ourense, porén, non lles deixou opción nestas dúas circunscricións.

Agora ben, a reacción podemita é de pouco percorrido. Os galeguistas e municipalistas teñen o candidato á Presidencia da Xunta, manteñen o control da Coordinadora (equivalente á Executiva) do partido, a maioría dos adheridos e han redactar o programa. O proxecto galego de En Marea, certamente diferente ao de Podemos, será o que sobrancee de hoxe en diante. Asemade, Podemos Galicia-que pode achegar até un terzo dos futuros deputados-, está de feito escindido en dúas sensibilidades que moi difícilmente poderán construir xuntas.

O que non quita para que, no suposto dun resultado que non permita darlle o relevo a Núñez Feijóo, non vaian abrollar intensamente estas diferenzas, que nacen da existencia de dous proxectos diferentes. E tampouco quita para, xa postos, ir matinando no futuro algunha caste de pequenas correccións técnicas a un sistema de primarias que semella privilexiar de máis aos que participan agresivamente en clave competitiva, mesmo en prexuízo da pluralidade real.

Comentarios