Opinión

Os sumidoiros do Estado

TÉÑOME POR persoa de lei. Ou, como diría a finada da miña avoa Antonia, por un home de orde. Velaí que cando foi o 11-M, no xa lonxano 2004, acreditase no relato do Ministro do Interior polo menos durante as primeiras tres ou catro horas, até que ben clariño ficou que mentía. Como mentira o seu Gobernopoucos meses antes, canda a catástrofe (ambiental e democrática) do Prestige. Dende entón sigo a defender aos funcionarios policiais, mais desconfío sempre dos seus mandos políticos, quer ministros do Interior, directores xerais da Policía e Garda Civil, quer delegados do Goberno ou determinados comisarios xerais pata negra, que cren só responder perante o seu ministro e a Historia.

Existen xa probas de cargo abondas que demostran a conspiración delictiva, cando non a autonomía de actuación á marxe de calquera control democrático, de enteiras unidades policiais. A chamada Policía Política ou Policía Patriótica, creada polo anterior ministro do Interior, Jorge F. Díaz, semella xa unha realidade acreditada. Unha Policía usada fraudulentamente para combater o independentismo catalán -pacífico, compre non esquecelo-. Arrepiamos coas gravacións onde o ministro animaba ao xefe da oficina Anti-fraude catalá para espiar parentes de Francesc Homs, Artur Mas ou Oriol Junqueras, prometéndolle apoio aberto dende a Fiscalía e gabándose ambos os dous de terlles “desfeito a sanidade catalá”.

Que dicir do comisario Villarejo, sospeitoso de ferir a coitelo a unha doutora supostamente acosada polo presidente de Ferroglobe, Javier López Madrid, e de usar os medios da Administración en beneficio da súa axencia de información? Ou das interferencias a respecto das pescudas policiais sobre o duplex do ex presidente madrileño, Ignacio González, na Costa do Sol? Ou do absoluto ridículo de lle atribuir ao entón alcalde barcelonés, Xavier Trias, a titularidade dunha conta falsa en Suíza?

Pois ben, até de agora só o Parlament catalá abríu unha pescuda oficial sobre estes feitos delictivos, mentres que PP, C’s e, até de agora, o PSOE (boa oportunidade para que Pedro Sánchez amose a remuda de paradigma) bloquearon calquera investigación a serio dende o Congreso dos Deputados.
Nunha democracia só nos poden investigar por orde xudicial. O outro chámase Estado policial ou Estado autoritario.

Comentarios