Opinión

A rebelión contra as elites

A DECISIÓN plebiscitaria británica de botarse fóra da Unión Europea (“brexit”) veu motivada, en grande parte, por unha propaganda mentireira que prometía un substancial incremento do investimento sanitario se os británicos deixaban de contribuir á Unión. Mais a decisión amosou outras facianas. Na ampla maioría a prol do brexit de tantos condados ingleses e galeses non só hai desinformación e medo. Hai un voto de rebeldía fronte esa minoría que fixa a axenda. Hai un voto contra esa Europa que adhiren as elites da City, mais tamèn os universitarios.

O voto polo brexit foi nomeadamente alto nas cidades e áreas onde existe menos mobilidade social e onde a industria sufriu as peores labazadas das crises. Velaí que nese medo ao inmigrante converxan dereitas e esquerdas. Sectores tradicionalmente tories con antigos votantes do Labour Party.Uns priorizan a soberanía británica e outros porlle chatas á libre circulación de traballadores, porque sinten que son eles, os traballadores industriais e parados de longa duración os que máis perden, os que máis perderon coa apertura aos traballadores europeos. O exemplo do fontaneiro polaco (polish plumber), que traballa máis por menos é paradigmático.


O que está a pasar nos USA, cun exótico e radical Donald Trump en técnico empate coa Hillary Clinton, é algo bastante semellante. Non só apoian ao de New York os brancos conservadores. Tamén unha inmensa maioría dos traballadores industriais, os blue collar, tradicional celeiro dos demócratas. Estes blue collar converten o voto a Trump, canda o voto a prol do brexit, en transversal a esquerdas e dereitas, a traballadores e clases medias.

Falta un discurso nas opcións de centro esquerda a respecto destes sectores sociais que haberían votarlles. Porque a apertura á inmigración é unha esixencia ética e humanitaria, unha aposta polo futuro e unha decisiòn económicamente intelixente. Mais non son as elites, nin sequera determinados sectores de formación universitaria, os que teñen que desputar postos de traballo cada vez menos remunerados cos inmigrantes.

Velaí que a desconfianza a respecto das elites vaia medrar nos próximos anos en amplos sectores das crases medias e traballadoras. Como tamén medrarán electoralmente as solucións simplistas e os discursos autoritarios.

Comentarios