Opinión

A síndrome da CUP

A CUP catalá vén de rexeitar a investidura de Mas, malia que a metade dos votos da súa asemblea de Sabadell foran a prol desta decisión. A abstención dos cupaires impediría que os 62 deputados de Junts pel Sí invistan ao até de agora president. Haberá novas eleccións en Cataluña en marzo.

As democracias avanzadas baséanse nas liberdades, na xustiza social, en tecer consensos, na transparencia, na participación cidadá, na inclusión e na cohesión social. Na democracia avanzada “o pobo é quen máis ordena” e a boa gobernanza tenta construirse coa cidadanía, dende a cidadanía e para a cidadanía.

Mais en último de contas, sexa dende posicións indepes, fora dende o autonomismo, federalismo ou confederalismo, a política trata de regras de xogo e de institucións, trata da gobernanza. Un pode estar máis ou menos de acordo -ou en desacordo- co 'procès', mais do que trata é de construír unha República, non si? E velaí o grave erro da CUP, que xa diagnosticou no pasado debate da investidura Pilar Rahola, porque parte substancial desa organización anticapitalista non quere construír novas institucións de goberno, instalados nun certo aquel de anarquismo que afunde as súas raíces na poderosa CNT-FAI da II República. Mesmo hai nesa organización quen olla con superioridade a vontade de construir pactos e de cumprir unhas regras de xogo. O anticapitalismo foi quén de vencer a construción nacional. Pero xa verán como non van facer mañá a revolución.

As eleccións de marzo serán letais, en primeiro lugar para a CUP. Esquerra (ERC) vaille papar, soa ou na coalición Junts pel Sí, boa parte do seu electorado, consciente da ledicia coa que esta votación da CUP foi recebida nos partidos unionistas. E outra boa parte migrará cara á coalición de ICV, EUiA, Podemos e o partido de Ada Colau (Barcelona en Comú). Antonio Baños, número un cupaire nas eleccións do 27-S, xa anunciou a súa demisión. Outros, como Julià de Jòdar, poderían ser os seguintes.

E o 'procès' leva un duro golpe. A declaración unilateral de independencia fica máis lonxe ca onte e semella que a bandeira da consulta catalá podería ser a nova referencia das forzas de Junts pel Sí, das que non sabemos se concorrerán xuntas ou por separado, como de certo non o saben arestora nin Mas nin Junqueras.

Comentarios