Opinión

A toxicidade da Audiencia Nacional

A AUDIENCIA Nacional (AN) determinou no 2008 en pleno (é dicir, unificando criterios para todas as seccións penais) que o delicto de rebelión nunca foi competencia desta audiencia. Mais a xuíza da AN Carmen Lamela, en decisión ratificada por unha das súas seccións, considérase competente para coñecer dos delictos de rebelión e sedición, modificando ese criterio firme establecido en pleno.

Por outra banda, é evidente que a conduta dos membros do Govern non constitúe delicto de rebelión, por faltar o elemento da violencia. Tampouco a conduta dos Jordis integra o delicto de sedición, por faltar unha incitación á violencia na consecución dos obxectivos políticos.

Nunha democracia, tanto a competencia obxectiva dos tribunais como a definición das condutas delictivas son de interpretación restritiva. Mais a AN sempre tentou facer interpretación extensiva dos conceptos xurídico-penais. Deste xeito chégase a conclusión de que “todo é ETA”, de que a violencia de baixa intensidade na rúa debe ser perseguida como terrorismo ou que Causa Galiza é unha banda armada.

O problema da AN é de orixe. Adolfo Suárez creouna no 1977 por decreto lei dende a planta do franquista Tribunal da Orde Pública (TOP), que axuizaba delictos políticos. Considerábase que compría un tribunal especial para enfrontar o terrorismo, mais axiña se lle foron outorgando máis competencias. Os seus xuíces instrutores asumiron moitas veces o rol de xuices estrela, ás veces incorrendo en claras ilegalidades, como o abuso da prisión preventiva para acadar resultados nas pescudas. Os seus tribunais adoitaron impór penas durísimas, estendendo ilegalmente tipos penais e conceptos xurídicos indeterminados ou vulnerando o principio da irretroactividade da lei penal, como no caso da doutrina Parot.

En ningún país da Europa occidental existe un tribunal excepcional como a AN. Na provisión das súas prazas inflúe nomeadamente un Consello do Poder Xudicial refén das maiorías parlamentarias. E, sobre todo, constitúe unha corte afastada do territorio e da sociedade e que actúa moitas veces máis como represor do inimigo que como axuizador do cidadán. Velaí a súa anormalidade fronte ao principio constitucional do xuiz ordinario predeterminado pola Lei e a súa toxicidade a respecto do noso sistema xudiciario.

Comentarios