Opinión

Armados

AS EMPRESAS de fabricación de armas en Estados Unidos aumentan vendas e as súas accións soben logo da masacre na discoteca de Orlando. Ese titular define un xeito de reaccionar que Europa non acaba de entender, porque ao igual que Francia ou Bélxica non afrontaron así os últimos atentados xihadistas, a maioría dos europeos non cren que a súa seguridade vaia mellorar por ter pistolas ou fusís na casa. Hai uns días, vendo unha refritida reportaxe en televisión sobre unha histórica armería galega, o dono lamentábase de que as escopetas de caza dos avós ficaban inutilizadas nas casas o cal, unido á restrictiva lexislación sobre a posesión de armas, estaban a acabar cun negocio que seica hoxendía xa está pechado. Mentres, en Estados Unidos, os derradeiros presidentes demócratas tentaron sen éxito reforzar o control sobre as armas en mans de particulares, pero sempre se toparon de fronte cos defensores dun dereito á posesión que din que lles recoñece a Constitución. E cada vez que ocorre un tiroteo mortal, reábrese un debate que dá argumentos a uns e outros para manter as súas posturas. Europa tamén sofre agora ese terrorismo que ataca a rutina cidadá a golpe de subfusís e de momento o discurso que se escoita na rúa non é o de rearmarse por se acaso. Temos os mesmos problemas que o ianqui, pero por fortuna reaccionamos de xeito distinto. De momento, claro.

Comentarios