Opinión

Avelino Díaz

ANDIVEN ESTES días a mergullarme na obra dun asalariado obrigado, xornalista afeccionado e poeta vocacional, como así se definía o meirego Avelino Díaz, un bardo da nosa prolífica emigración na Arxentina, esquecido na súa terra porque a ela nunca retornou desde que marchara con 22 anos. A débeba cos que coma el viviron, soñaron e sufriron por Galicia a miles de quilómetros quere ser amortizada por unha asociación homónima que dende hai dous anos e medio loita por conseguir que a Real Academia Galega lle adique o Día das Letras de 2017, coincidindo co 120 cabodano do seu pasamento. De aceptalo os membros da RAG, o vindeiro ano convertiríase non só nun recoñecemento a unha obra de Avelino chea de sentimento, orgullo e rabia, senón a toda canta contribución fixo cada anónimo galego dende a emigración por conservar lonxe esa mesma lingua, música e cultura popular que outros compatriotas tentaron enterrar aquí. Nas súas poesías, que chegaron a coñecerse grazas á publicación en coñecidas revistas da emigración, mandaba ademais consellos para os que quedaban na terra, nos que lles recomendaba ficar na casa para non acabar desencantados coa aventura. A mensaxe segue vixente, porque para facer país precísase deses mozos preparados aos que se lles negan aquí oportunidades e que, se marchan, se cadra é para sempre, como Avelino.

Comentarios