Opinión

Fartura

UNHA DESAS enquisas nas que só nos fixamos cando se achegan eleccións din que fartura é unha das sensacións que teñen os españois cando se lles pregunta sobre a situación política e a imposibilidade de que se forme goberno, aínda que non creo que sexa pola política en si senón polos seus protagonistas.

O fenómeno parece que se queira trasladar a Galicia por mor das eleccións que se celebran o vindeiro domingo e a pesares de que chegan logo de cumprirse os catro anos das anteriores. Pero como queira que os partidos que non se poñen de acordo en Madrid son case os mesmos que se xogan o seu futuro e o noso o 25-S, dá a impresión de que son os mesmos cans con distintos colares.

Pero a diferenza principal da situación de Galicia e España está ben clara. Por unha banda está un partido con capacidade para mobilizar o seu electorado para acadar a terceira maioría absoluta consecutiva e que, de non facelo, ata podería contar cun partido muleta para axudarse. E enfronte estarían tres forzas que, a diferencia do que ocorre en Madrid, se acadan o mínimo de 38 escanos seguro que non tardarían máis dunhas horas en poñerse de acordo e impedir que o PP voltase dirixir a Xunta catro anos máis.

Esa é a realidade e o que se vai elixir o domingo, dous modelos distintos de facer política, coas súas vantaxes e miserias. Por iso non creo que a maioría dos galegos teñan fartura por decidir que queren; se cadra preguiza por ir votar pode.

Comentarios