Opinión

Finiquito

ESTIVEN NUN acto na rúa con deputados e senadores que tentarán volver saír elixidos o día 26 logo de catro agotadores meses de lexislatura e non acerto a discorrer que lles poderían explicar aos votantes se lles preguntan como pode ser que cada un deles vaia cobrar un finiquito de 8.345 euros en concepto de indemnización por non ter chegado neste tempo a un acordo para elixir presidente. Aínda que os chamados argumentarios dos partidos serven para un roto e un descosido, aínda non atopei ningunha desas forzas emerxentes que dicían que ían cambiar o xeito de facer política explicándolle a un traballador que cobra o salario mínimo -que vén sendo ao ano 482 euros menos ca ese finiquito- como se xustifica esa indemnización por un traballo non feito. Nesta atípica campaña electoral que comeza mañá á medianoite voltaremos escoitar a moitos deses solicitantes do finiquito falarnos de como vai mudar a situación desde que eles se fagan co control deste país que xa tutelan Bruxelas, os consellos de administración das empresas do Ibex ou os laboratorios de ideas dos partidos. Pero o que seguro que non van dicir é por que razón un cargo público pode ter unha indemnización dese tipo cando volta ao mundo laboral mentres o gobernador do Banco de España está a propoñer un despido low cost e que se faciliten as rebaixas salariais. Se cadra non é unha cuestión de castas, senón de petos.

Comentarios