Opinión

Multas

PODO CONTAR cos dedos dunha man as multas recibidas en case tres décadas con permiso de conducir, todas elas xustificadas porque si que houbo infracción do código de circulación, aínda que nun dos casos foi evidente o exceso de celo do axente á hora de aplicar a norma. Por iso prefiro que quen me sancione sexa unha máquina, porque así os reproches como moito irán dirixidos cara a un mesmo ou cara a quen me provoque o despiste que non me faga ver o sinal ou o radar.

En Lugo os condutores temos desde hai anos unha máquina impasible colocada xunto a un semáforo da Ronda da Muralla que se converteu no principal axente recaudador da Policía Local. Nin sequera un radar colocado a conciencia noutra avenida onde se limita a velocidade a 40 quilómetros por hora conseguiu desbancar o récord do chamado ‘fotorrojo’, sobre o que agora pesan as dúbidas sobre se as sancións que emite son de todo legais.

Aínda non caín nas súas garras, pero ben sei que está aí esperándome para que algún día teña que recorrer á seguinte man para contar as veces que tiven que pasar por caixa por ser mal condutor, iso si, cos 15 puntos aínda intactos. E aínda que hai días discrepaba cun amigo que defendía que os condutores habituais deberían ter máis puntos no carné que os esporádicos, sei que por probabilidade, a próxima vez que me toque financiar á DGT será en 2020. Ou polo menos iso espero.

Comentarios