Opinión

P.A.

O ÚLTIMO informe Pisa, unha especie de reválida sobre o sistema educativo, dalles un P.A. (Progresa Axeitadamente) aos adolescentes españois en lectura e ciencias, malia que aínda seguen nos asentos de atrás da clase en matemáticas. Esa fila de mesas era á que mandaban os meus mestres aos máis lentos ou a aqueles que barullaban e aínda que os métodos pedagóxicos mudaron, as medias seguen a facerse entre toda a clase e por iso en España, onde as competencias educativas están transferidas ás comunidades, os de atrás son unha rémora.

Castela-León, Madrid e Navarra copan os primeiros postos nas materias citadas, moi preto dos países con mellores resultados e a distancia das comunidades con peores datos: Andalucía, Canarias e Extremadura. Galicia, pola súa banda, supera a media dos 34 países da OCDE, o que amosa que se estarían a facer ben as cousas en materia educativa.

Claro que tendo en conta que acaba de aprobarse no Congreso a derogación dunha polémica lei como a Lomce, que provocou mobilizacións de alumnos, profesores e pais a conta do sistema de avaliación a través de reválidas, un pregúntase que vai pasar agora que o citado informe lle dá un empurrón ao sistema educativo español. Esperemos que os cambios que se introduzan e que deberían ter dabondo consenso non supoñan que o vindeiro P.A. de Pisa a España signifique un Para Atrás.

Comentarios