Opinión

Reválidas

ESTES DÍAS de reedición daquela reválida da que nos libramos os que fixemos a EXB non paro de escoitar lamentos de pais que din sofrir máis estrés cos seus fillos diante dunha convocatoria prevista na lei pero que non é obrigatoria, o que demostra o desbaraxuste do actual sistema educativo español. Á marxe dos centos de exames que fixen durante a miña vida lectiva, o máis parecido a unha reválida ao que me enfrontei foi a maratón da selectividade, unha proba contra a que me cheguei a manifestar e que acordo como unha perda de tempo que, sen embargo, pode frustrar as expectativas dun alumno de estudar a carreira que sempre desexou. Aínda así, podo entender que ten que haber unha criba no momento de acabar a secundaria, por aquilo de que dun ano para outro non se poden adaptar as prazas dos centros universitarios ás preferencias das distintas promocións de alumnos. Iso sí, trasladar o modelo a rapaces de oito ou doce anos co fin de supervisar uns coñecementos que cada trimestre son avaliados polos seus respectivos profesores semella razón abondo para as queixas duns pais que fan rebumbio cada vez que se muda algo sen que lles consulten. Á espera de que un novo Goberno aclare que modelo educativo se debe implantar, as reválidas de 3º e 6º, optativas e sen un obxectivo definido, son coma eses disparates que ás veces se atopan os profesores ao corrixir exames.

Comentarios