Opinión

Suplentes

OS SUPLENTES son un recurso que ninguén desexa usar malia que ás veces teñan tanto valor coma un comodín no póker, que pode darnos a combinación gañadora. Así a todo, reivindicar a suplencia é tanto como vender que un descafeinado sabe como o orixinal.No deporte, o banquiño é o territorio para os que buscan unha primeira ou a derradeira oportunidade de triunfar e cando o míster fai o aceno de saír, a adrenalina sobe dun xeito que tanto pode axudar ao éxito como ao fracaso. Porque cando o que se busca é o revulsivo entre os suplentes, o resultado non sempre é o axeitado e, se non se logra o obxectivo, a decepción é aínda maior para o recén saído que para o titular. Esta fin de semana estiven a ver unha suplencia moi soada, a de todo un mito do rock como Brian Johnson, que por mor dunha doenza nos oídos tivo que renunciar a facer xira por Europa co grupo co que cantou nas últimas tres décadas, AC/DC. O reto de substituílo asumiuno outra vaca sagrada, o inefable Axl Rose, e moitos pensabamos que o sucedáneo ía acabar coa maxia de ver en directo unha das bandas más respectadas da música. Non foi así e non houbo tal decepción, seguramente porque o substituto asumiu o seu rol de secundario e quixo ser o revulsivo dunha situación tan complicada como a de tentar que 50.000 almas esquecesen ao titular. Está claro que os prexuízos son os peores inimigos dos reservas.

Comentarios