Opinión

Calendario galeguista

Un idioma estase a facer decontíno. Xorden palabras novas segundo as circunstancias; algunhas incorporáronse ao noso acervo lingüístico e outras, despois dun tempo de uso, desaparecen. Este foi o caso do cemento. Como se importaba de Inglaterra, máis concretamente de Portland, a xente confundíu a oríxe coa denominación. Aínda que non é o mesmo, unha denominación tan xenuina de noso como foron as "estadas", pasaron a denominarse en castelán "andamios" coa aparición de novos materias para a súa construción. Un troco lingüístico desafortunado.

A lingua galega e "Cementos Noroeste,S.A.", como logo veremos deseguido ,sempre foron da man. Pero antes situémonos no tempo. A empresa foi creada en 1958 por Antonio Fernández López e o investigador Isidro Parga Pondal, o autor do mapa xeolóxico de Galicia, que atopou nas canteiras de Ourol no concello lugués os xacementos que reunían as condicións para elaborar o conglomerante. 

O cemento foi fundamental para levar a cabo obras públicas e privadas tal como as hidráulicas. Nas novas edificacións a pedra fora substituida polo ladrillo e os sobrados polos encofrados. Paradoxalmente, e dito de paso, o cemento que fora tan necesario para ese crecemento urbanístico, anos despois manifestouse prexudicial pola súa mala utilización; foi o causante desfeita das construcións populares, afeando a paisaxe.

A fabricación do cemento foi unha vella arela do 1º Congreso de Economía de Galicia do ano 1925, no que se sentaron, entre outras imaxinativas propostas, as bases do modelo de economía autocentrada como proxecto harmónico para dinamizar un desenvolvemento económico integral sen abeirar ningún sector ou parte do territorio, vertebránoo. A Revista de Economía de Galicia, durante o tempo que durou a súa edición, foi o órgano difusor desta teoría económica, a máis axeitada para Galicia, que cuestionou as desacertadas decisións gobernamentais que esgazaron o país promovendo un crecemento incontrolado e amorfo con nefastas consecuencias; amais de provocaren,como dixemos, desiquilibrios territoriais e o conseguinte abandono do agro.

A revista estaba dirixida por xentes que tiñan un modelo de país na cabeza e razóns científicas para defendelo; con capacidade para artellaren unha estratexia imaxinativa, transformadora e viable a curto prazo. No consello de redacción figuraban o xurista de recoñecido prestixio,Sebastián Martínez-Risco; Álvaro Gil Varela e Antonio Fernández López, filántropos e promotores de empresas, que viñan avalados, sobre todo Antonio Fernández, pola xestion dos Laboratorios Zeltia , fundados anteriormente por Ramón Obella Vidal e Fernando Calvet; Isidro Parga Pondal, o máis cualificado científico coñecedor das riquezas do subsolo de Galicia; e Cruz Gallástegui Unamuno, director da Misión Biolóxica de Galicia, entre outros. Un fato de personalidades senlleiras con ideas innovadoras para construíren un país.Moitos deles participarían no citado 1ª Congreso de Economía.

"Cementos Noroeste,S.A." seguíndo o exemplo de Zeltia ( o empresario era o mesmo,), adiantada na filosofía do I+D+i ao que eles lle engadirían un novo sumando, o "G" de galeguismo, e da Responsabilidade Social Corporativa, utilizaron o noso idioma na comunicación cos clientes. Durante moitos anos editou un calendario en galego que se fixo moi popular polas múltiples utilidades que tiña para a vida cotiá das xentes populares. A dirección da súa edición levouna o escritor e académico Francisco Fernández del Riego, que elixía temas monográficos (arquitectura popular, mosteiros, igrexas románicas, patrimonio arqueolóxico…) con fermosas láminas alusivas para cadanseu mes. O dedicado aos proxectos de vivendas e edificos publicos deseñados polo arquitecto Manuel Gómez Román fora moi solicitado; mesmo chegara a esgotarse en pouco tempo a edición .

Traemos desta volta este exemplo de galeguismo empresarial para recoñecemento do seu labor no intento de manter viva a nosa identidade cultural e idiomática. A característica común de todos eles foi ter unha visión integral de Galicia. Dirixentes empresariais visionarios de inequívoco compromiso co país para construír unha economía propia. Os seus epígonos de hoxe son a esperanza dunha Galicia máis galeguizada. A sementeira está feita e aos poucos agroman o seus froitos. 

Comentarios