Opinión

O Pepe Neira Vilas que eu coñecín

A inesperada morte de Pepe Neira mergullounos a miña filla Antía e a min na tristura, e fíxonos recordar as frecuentes e demoradas conversas telefónicas que tíñamos con el. Recordándoo apilei enriba da mesa moreas de cartas que me escribíu durante décadas. A nosa amizade comezou aló polo 1969 a través dunha correspondencia epistolar. Desde Cuba enviábame, a través da valixa diplomática, centos de libros que foron de gran utilidade como textos para fomar a decenas de militantes na escola de cadros da nova UPG, que eu animei e dirixín, e que el recoñeceu así nun artigo de prensa: "El poñíame ao día no devir político, cultural, social e económico deste país, que había de recuperar o seu rumbo tras da corentena franquista; e eu mandáballe libros de contido diverso, que non había nesta banda do mar, e dos que en Cuba se imprimían milleiros de exemplares".

O afecto e admiración que nos dispensábamos era recíproco. De min escribíu e díxo que tiña tres cualidades "imaxinación, tenacidade e talante para dialogar con todos (agás os incivilizados, que os hai)". Laiábase dalgunhas marxinacións —eran tempos de moitos debalos e sectarismos políticos— cando me dicía "Houbo o Congreso dos 25 anos do ILG en Santiago. Non vin na prensa que te convidaran a participar nel.E deberas estar. Tamén a min me tería gustado estar para falar do galego na emigración, pero en fin, non me convidaron".

Sabedor das súas dificultades económicas propúxenme alivialas conseguíndolle unha pensión vitalicia da Fundación Barrié. "O que si me viría ben —pensando máis no futuro, hoxe por hoxe vou indo— sería a beca que me mencionaches. Daríame unha certa seguridade. Xa sabes o que somos os emigrantes retornados. Noutro lado do mar teño unha pequena xubilación, pero non é transferible" —dicíame—. Mobilicei a moitas institucións públicas e privadas, sindicatos e organizacións sociais para que apoiasen a miña proposta, e malia aos receos da Fundación, conseguíuse o obxectivo.

En 1996 díxenlle que ía contactar con algúns académicos da Real Academia Galega para que o nomeasen numerario. Parecíame que debía formar parte da institución; pero non tiña ningunha confianza en tal nomeamento. "O da Academia non o sei. De corazón, agradézoche a túa iniciativa, pero, hai algo que facer ali en concreto? Pódese realmente traballar por Galicia? Pero se se pode ser útil, adiante sempre. Ser útil é o que importa". Ao pouco ingresou na RAG.

Pepe sabía que a literatura nos tempos que corrían non podía ser a única ferramenta para galeguizar o país; por iso era un gran admirador do labor desenvolvido polas asociacións englobadas no colectivo Galeguizar Galicia” (www.galeguizargalicia.com), que procuraban para a lingua galega novos espazos de uso inéditos (xustiza, policía, empresarios, etiquetaxe, etc.) "no que traballan fervorosamente pola dignidade e pola afirmación nacional de Galicia", dicía nun artigo.

Colaborou sempre connosco con propostas literarias en todas as iniciativas promovidas para fomentar a normalización lingüística na Xustiza (Contos da Xustiza); nos corpos de seguridade (Palabra por palabra.Contos da policía e Contos de agardar); e no eido empresarial (Contos do Castromil), etc... Nunca faltou a ningunha das citas anuais en Soutomaior para asistir á entrega dos Premios Peña Novo, atendidos garimosamente el e Anisia pola eficaz e imprescindible Carme Vaquero, para facilitarlles a viaxe de ída e volta a Gres. Nese esforzo por arroupalo institucionalizamos hai dúas décadas un convívio anual nas ínsuas de Grés, no que ambos os dous eran agasallados polos asistentes. "Foron os iniciadores deste encontro Pepe González e o noso veciño de Brandariz, Gonzalo Balo, que actúa como eficaz "intendente" nestes encontros" —dicía—.

Cando lle pedín unha manda testamentaria para incluír no libro En galego,agora e sempre editado en 2002, escribíu: "No canto de bens materiais, que non teño, deixo a paisaxe desta comarca do val do Ulla, onde nacín, tras longo canear por América; deixo as cancións e os romances, os mitos e as lendas que aprendín dende o berce e que inzaron o meu ser; deixo o murmurio do río e os ecos da fala herdada, nesa lingua que amo e utilizo como medio insubstituible para a miña comunicación cos demais, e que forma parte esencial do meu patrimonio como fillo desta terra".

A amizade que nos uníu vivirá nas miñas lembranzas sempre.


*Xosé González Martínez é presidente do foro E. Peinador

Comentarios