Domingo. 16.06.2019 |
El tiempo
Domingo. 16.06.2019
El tiempo

Reconstruíndo o relato galeguista

RECIBIMOS DAS MANS do señor Alcalde de Mondariz- Balneario a Medalla de Ouro do Concello concedida ao Foro E. Peinador polos méritos que recolle a acta do acordo aprobado por unanimidade dos grupos municipais da corporación municipal.

Nela explicítase que o Concello foi o berce no que se arrolou unha parte importante da historia do pensamento económico galego, seguindo as liñas tracexadas por Alfredo Brañas, unha figura senlleira do rexurdimento galego de fins do século XIX, que Enrique Peinador Lines soubo recoller e actualizar nos tempos que lle tocaron dirixir o Balneario e a marca que comercializaba as augas de Mondariz.

Conquerir o éxito empresarial e a proxección internacional utilizando como medio incentivador a diferenza no contexto da globalizaciópn dos mercados que daquela experimentaron a súa aparición, e buscarlle á nosa lingua e cultura novos aliados e espazos para a súa expansión e prestixio social, foi a contribución máis salientable da estratexia que o empresario galeguista Enrique Peinador Lines soubo tecer en tempos nos que a nosa cultura e idioma tiñan na tradición popular o seu acubillo natural. Incorporar criterios de modernidade no discurso regaleguizador foi un dos obxectivos que acadou sobranceiros éxitos.

Na miña quenda de intervencións tocoume responder ás acertadas consideracións que a moción aprobada recollía sobre a obra e biografía de Peinador Lines, agochada durante década por mor do desleixo dos que escribiron o relato do nacionalismo galego. Empeñados como estiveron na excluínte exaltación dos creadores literarios dese dilatado período de tempo, menosprezaron figuras claves do galeguismo do século XX.

Enrique Peinador Lines, Ramón Obella Vidal, Antonio Fernández López, Álvaro Xil Varela, e outros empresarios que tiveron como denominador común a militancia galeguista, son descoñecidos por xeracións que militan no nacionalismo galego desde as últimas décadas. A súa formación política é sesgada e coutada unicamente ao ámbito literario de autores mesmo irrelevantes na construción da identidade.

Apenas saben que Enrique Peinador Lines, militante do Partido Galeguista que apoiou a Frente Popular en 1936, foi un adiantado no seu tempo na aplicación da fórrmula aritmética tan recorrente no discurso da teoría económica expresada na suma do I + D+ i, á que el lle engadíu o G de galeguismo, que é o que pregoa a moderna doutriña da Responsabilidade Social Empresarial ou Corporativa, obrigando ás empresas ao respecto pola contorna xeográfica e cultural onde exeercen a actividade empresarial.

Tampouco sabe a meirande parte dos nacionalistas de arestora que foi Peinador Lines o que negociou en Madrid, no Congreso e no domicilio do presidente Azaña, a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Unha prestixiosa publicación, a Revista de Economía de Galicia, non lle dedicou en ningún dos seus número unha soa liña dedicada a Peinador Lines, un dos precursores da chamada planificación económica autocentrada, que por volta dos anos corenta e cincuenta tivo tanto predicamento en Europa. Foi teórico práctico da área metropolitana de Vigo que procuraba a vertebración dese inmenso territorio coa construción inacabada por da guerra civil do tranvía Vigo-Mondariz.

Sería difícil sintetizar nesta colaboración o inmenso legado de Peinador Lines recollido na obra do historiador Ricardo Gurriarán Rodríguez, ‘Enrique Peinador Lines, empresa, turismo e pais’, por encargo do Foro E. Peinador; unha obra que reconstrúe o relato real do galeguismo transversal non superado aínda polo actual.

Reconstruíndo o relato galeguista
Comentarios