lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

Estado de moita excepción

Os xuices deberían deixarse de leis e aplicar o sentido común na sentencia contra o 'Estado de Alarma' decretado por Pedro Sánchez fai 16 meses

SE CREO entender ben, varias das medidas do estado de alarma decretado polo Goberno en marzo do ano pasado –hai 16 meses– son nulas. E son nulas —se comprendo non xa o texto da sentencia do Tribunal Constitucional, senón as informacións que dan os colegas que pasaron o traballo de debullala— porque non se debeu decretar o estado de alarma, que contempla a limitación dalgúns dereitos da cidadanía en caso de emerxencia sanitaria. O que se debeu decretar era o de excepción, que, como o de sitio, establece a suspensión deses dereitos cando se produce un desafío á orde pública. É dicir, declaran que foi delito matar unha mosca cun periódico dobrado, porque o que cumpría era matala a canonazos.

Botando a vista atrás 16 meses, cando caemos na conta de que o covid-19 non era como unha gripe como calquera outra, e as autoridades sanitarias decretaron que tiñamos que quedar na casa, os únicos desafíos á orde pública que lembro eran os que paseaban o can ata a extenuación –do can– para poder andar ceibos, ou o linchamento a berros desde os balcóns dalgún transgresor, que me reafirmaron na bondade das leis que prohiben a tenencia de armas de fogo a particulares. Tamén teño recordos de xente que xuraba entre dentes que, como escoitara outra vez máis o Resistiré do Dúo Dinámico, acabaría guindándolle unha bomba incendiaria pola ventá ao punto de emisión. Pero non se sabe de ningún caso en que as ameazas se concretasen en feitos. Quizais os insignes xuristas que votaron a nulidade –os seis que votaron a favor e se impuxeron aos cinco que o fixeron en contra– pensaron que, como o coronavirus procedía da China, consideraron que fose o que fose, non deixaba de ser unha invasión. Ou é que eses seis teñen razón —e non os outros cinco— e o único que fan é antepoñer a lei á razón. Se nunha situación na que, pese ao drástico das medidas adoptadas, non se rexistrou ningún incidente de orde pública digno de mención, a lei indica que o que se debería facer é restrinxir aínda máis os dereitos, parece claro que é urxente, ademais de necesario, cambiar a lei e axustala á razón.

Non digo de cambiar os xuíces para adaptalos á razón para que non se pense que creo, como unha parte substancial da clase política, que o mellor para estar dentro da lei non é cometer irregularidades, senón manobrar para caer nas mans de xulgadores comprensivos. E ademais porque non hai quen os cambie. A terceira parte dos maxistrados que entenderon o asunto hai anos que legalmente deberían ter sido substituídos. A caducidade das cúpulas xudiciais debe de ser como a dos iogures: aínda que estean pasados de data non perden as súas propiedades. En realidade, o que xa estaba caducada era a propia materia xulgada. Nada menos que 16 meses de demora en decidir sobre unha lei adoptada para unha emerxencia. Se chegan a tardar dous meses máis, nin emerxencia sanitaria nin de orde pública, nin estado de alarma nin de excepción: o que cadraba era declarar o estado de sitio, poñer a circular os tanques polas estradas e despregar o Exército polas rúas –aínda que agora que o penso, polas de Monforte si que se despregou. A ver se foi cousa de Emilia Casas....

Estado de moita excepción
ç