Comarca de Pontevedra

A Virxe da Renda baixa desde o Xuviño en Combarro entre medidas de total austeridades

A parroquia de Combarro acolleu este sábado a celebración máis austera que se lembra da baixada da Virxe da Renda desde a súa capela de O Xuviño ata o templo de San Bernardo. Só catro porteadores para levar á santa e media ducia das fieis que normalmente se encargan de custodiar á figura relixiosa e o templo acompañaron a procesión que normalmente precede ás celebracións de San Xoán e que conta con ducias de participantes cada ano. Nesta ocasión, por recomendación da Policía Local e para cumprir coas medidas de seguridade sanitaria impostas durante a pandemia, optouse por facer unha baixada marcada pola velocidade (o séquito tardou só 20 minutos en cubrir o tramo entre O Xuviño e o templo de San Bernardo) e pola austeridade. O organizador, Miguel Martínez, que tamén dirixe a coral Virxe da Renda, mesmo pediu que ninguén se unira á marcha para evitar así incumprimentos das medidas e distancias de seguridade, posto que os viais de Combarro polos que discurre a marcha son moi estreitos.

Así as cousas, Martínez espera que para a xornada de retorno da santa á 'súa casa', o 25 de xuño, xa se poida planificar a procesión doutro xeito, e, cando menos, un grupo de gaiteiros poida acompañar á figura relixiosa.