Cultura

Óscar Ibáñez recuerda a Portela en el Principal

"Ricardo Portela é un símbolo, alguén que se identifica coa unión entre a tradición e a modernidade". Foi por iso, entre outras cousas, que Óscar Ibáñez montou un espectáculo na honra do gaiteiro de Viascón no que reivindica a súa influencia na música tradicional contemporánea revisando o seu legado dende un punto de vista actual. A proposta puido verse onte no Teatro Principal de Pontevedra.

A posta en escena, na que ademais da súa banda habitual (a súa ‘tribo’) participan músicos como Anxo Pintos, Begoña Riobó, Xosé Liz, Marcos Campos, Francisco Esté- vez Chuco, Wenceslao Cabezas Polo, Álvaro Novegil, José Luis Lema e Carla Villanueva, tamén conta coa colaboración de bailadores, non só tradicionais, como os de Fiadeiro e Celme, senón da Compañía de Danza Contemporánea Jesús Quiroga. A todos eles sumouse en Pontevedra Xurxo Souto.

Neste caso Souto encaixa á perfección co obxectivo que tiña Óscar Ibáñez cando montou este espectáculo, que se estreou en Vigo o 20 de xaneiro e que aínda se poderá volver ver o 3 de febreiro no Auditorio de Cerdedo-Cotobade (19.00 horas, entrada libre): homenaxear a Ricardo Portela dende a contemporaneidade. "Igual que o ano pasado nos centramos máis na súa esencia, desta vez a aposta era máis por homenaxear o seu legado dende a actualidade. Ademais, o espectáculo ten un fin divulgador para que a súa música non chegue só aos especialistas senón tamén ao público en xeral. Eu penso que estaría orgulloso disto que fixemos, de que a súa música siga viva".

Para Ibáñez non hai dúbida de que Portela, un dos máximos expoñentes do toque pechado, é un referente. "Ademais de ser un excelente gaiteiro, era un home cun discurso de profundo amor á Galicia. Neste sentido pódese comparar co gaiteiro de Soutelo ou con Perfecto Feijoo. Non eran simplemente gaiteiros".

Comentarios