Vídeos

Así é o tráiler de 'Nación', a obra que "aborda a historia oculta de moitas mulleres"

Nación, dirixida por Margarita Ledo Andión, chegará ás salas o próximo 26 de marzo tras o seu exitoso paso polo Festival Internacional de Cinema de Sevilla. O filme tivo o seu estreo mundial na pasada edición do festival onde obtivo o Premio Especial á mellor dirección dun filme español para a cineasta galega.

Nación é unha obra de non ficción que "aborda a historia oculta de moitas mulleres que viviron baixo a represión sexista do sistema patriarcal. Trata do moito que tardaron en ter dereitos non só para poder votar, senón para acceder ao traballo asalariado e á posibilidade de ser independentes".

Para construír este relato Margarita Ledo enlaza imaxes que auto-rexistraron e rexistraron a acción e a voz das mulleres en diferentes situacións e épocas cos testemuños de Nieves P. Lusquiños e un grupo de operarias, "que nos ensinan o que representa o fin dunha época na que a muller accedera ao traballo industrial". Durante o relato, que introduce a persoaxe da esfinxe (Eva Veiga), estes testemuños entrelázanse coa parte ficcionada protagonizada polas actrices galegas Mónica Camaño, Mónica de Nut e Xoana Pintos que forman unha personaxe coral "que representa ás mulleres silenciadas que traballan no campo e nas fábricas mentres asumen os roles familiares asignados baixo a represión do arraigado sistema patriarcal na sociedade". 

Comentarios