jueves. 28.01.2021 |
El tiempo
jueves. 28.01.2021
El tiempo

Vídeos

En marcha as obras de rexeneración integral do parque de Valdecorvos

O Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra, que encabeza o socialista Iván Puentes, acaba de poñer en marcha as obras do proxecto de rexeneración integral do parque de Valdecorvos e de toda a rede de sendeiros e de pasarelas existentes neste contorno natural. 

As primeiras actuacións de acondicionamento e limpeza do terreo estanse a levar a cabo por unha brigada de operarios coa axuda de maquinaria retroescavadora e de transporte de trollos e inclúen o aplanamento dos camiños, a eliminación de fochas, a poda e tala de árbores e tarefas de desbroce e sega. 

O proxecto, que suporá un investimento global de máis de 50.000 euros, incluirá a creación dun pequeno miradoiro e a óptima pavimentación da totalidade dos sendeiros, actuando en máis de 1.000 metros cadrados de superficie de camiños. 

As obras contemplan a restauración e acondicionamento das pasarelas de madeira, pontes e zonas verdes do contorno do parque, así como a renovación das sendas, o reforzo do pavimento de xabre da rede de camiños con estabilizantes para incrementar a súa duración futura e a reposición de arquetas e reixas de recollida de augas en mal estado. 

Os elementos de madeira, como a ponte e a pasarela existentes no regato de Valdecorvos e as diversas varandas, escaleiras e pasamáns, serán restaurados na súa totalidade para garantir o mellor uso do espazo e a comunicación entre as diferentes zonas do parque.